Luns. 29.04.2024
El tiempo

O Alcalde de Vimianzo informa cunha carta aos veciños das novas posibilidades urbanísticas

O Alcalde de Vimianzo informa cunha carta aos veciños das novas posibilidades urbanísticas
O alcalde de Vimianzo informa n5

Fai estes días público o Concello de Vimianzo, o nº 5 da revista "O Alcalde Informa", que están recibindo en todas as casas do concello nesta semana.

Un escrito que fala desta volta da Modificación das NN. SS. de Planeamento Urbanísitico nos Núcleos Rurais, i é que segundo o alcalde "dende o concello queremos facer un urbanismo a medida dos nosos veciños".

Deixámosvos ca carta por se alguén non a puido ler en casa:

MODIFICACIÓN DAS NN. SS. DE PLANEAMENTO URBANÍSTICO NOS NÚCLEOS RURAIS

A maioría dos problemas que nos atopamos nos núcleos rurais á hora de promover unha edificación residencial (vivenda), a ampliación da mesma, ou de calquera anexo (garaxes, cabaneis...), teñen que ver coa superficie mínima da parcela urbanística, ou coa ocupación máxima da mesma, ou coa posibilidade de arrimala a un lindeiro.

O goberno municipal promove estes cambios para favorecer a todos os veciños por igual. A redución de parcela esixible, así como o incremento da superficie máxima ocupada, ou a posibilidade de arrimar a un lindeiro, facilita a construción no rural.

Estas medidas van encamiñadas a favorecer o asentamento da poboación no noso rural, a mellorar a calidade de vida, a promocionar a economía e, especialmente, a impulsar a recuperación dos nosos núcleos tradicionais.

Dende o goberno municipal estamos a impulsar unha modificación puntual das Normas Subsidiarias de Planeamento Urbanístico en Vimianzo, que vai favorecer a edificación nos núcleos rurais do concello, resolvendo, deste xeito, unha serie de problemas cos que nos vimos atopando día a día na tramitación de licenzas: problemas de superficie ou de ocupación de parcela para edificacións de nova planta ou ampliacións de existentes (construcións residenciais, garaxes, cabaneis,...), problemas de arrimo ao respecto dos estremeiros, ...

Na actualidade as Normas Subsidiarias de Vimianzo teñen unhas esixencias máis altas que a propia Lei do Solo de Galicia (LOUG 9/2002), o que dá lugar a todas as dificultades sinaladas. Precisamente, a propia LOUG permite unha adaptación das Normas aos parámetros contemplados na Lei. Isto é o procedemento ao que se acolle o noso concello para promover esta Modificación Puntual.

O obxectivo desta iniciativa do goberno municipal é favorecer o asentamento da poboación no medio rural, favorecendo a actividade edificatoria, sen modificar os límites dos terreos urbanizables, pero reducindo as esixencias ao previsto na LOUG. Polo tanto, ningún propietario se vai beneficiar en particular, mais todos melloran en xeral. Con isto tamén queremos promover a rehabilitación e a ocupación das parcelas interiores dos núcleos rurais e a ampliación ou nova construción de edificacións adxectivas (garaxes, cabaneis...) ata o de agora moi constrinxidas. Por iso, esta iniciativa contribúe ao desenvolvemento rural, potenciando as actividades económicas propias dese medio. É unha iniciativa, polo tanto, que busca mellorar a calidade de vida nos núcleos rurais, potenciándoos e incrementando o seu valor.

As principais melloras que se recollen na Modificación Puntual son:

- 1. Flexibilizar as condicións para as novas construcións. Aplícase a excepción de parcela mínima para parcelas consolidadas entre edificios existentes a todo o núcleo rural.

- 2. Mellorar as condicións de construcións adxectivas (garaxes, cabaneis...), duplicando a ocupación máxima e aumentando a altura permitida de cornixa a 3 m.

- 3. Posibilitar o dereito de arrimo ou acaroamento das construcións nos núcleos, cando veña acompañado da autorización do lindeiro.

Esta é a proposta do goberno municipal que se levará ao Pleno, buscando o mellor para a nosa xente, potenciando os núcleos rurais e facendo un urbanismo á medida dos nosos veciños e veciñas.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Vimianzo.

Comentarios