O Castelo de Vimianzo xa ten a súa APP
Tempos de modernización mesmo para infraestruturas medievais. Quen lle ía dicir aos irmandiños que ata unha APP sería protagonista das Torres do Castelo de Vimianzo. Pero que máis de 20.000 persoas pasaran polo edificio neste 2015 fan necesaria unha atención turística adecuada aos novos tempos.
O Concello de Vimianzo vén de facer pública unha app, dispoñíbel tanto para dispositivos Android como Apple, para facilitar a información ás visitas do Castelo de Vimianzo.
A app pode descargarse, de balde, tanto da AppStore de Apple como da GooglePlay. Na súa primeira versión está só en galego pero en sucesivas actualizacións ofertarase tamén en castelán e en inglés. Para atopala abonda con buscar nas tendas de aplicacións polo título: "Castelo de Vimianzo".
Na audioguía do Castelo podemos acceder a información arquitectónica, artística e histórica que nos achegará e nos facilitará unha completa comprensión da fortaleza soneirá.
Ademais tamén hai unha sección dedicada aos oficios e artesanías que as visitas poden atopar actualmente no Castelo.
Novas relacionadas
- A artesanía continúa viva no castelo de Vimianzo.
- A Torre do Castelo, a nova imaxe do Concello de Vimianzo.
Fonte
- Concello de Vimianzo.