Venres. 29.03.2024
El tiempo

O peche dun taller provedor de Inditex en Vimianzo deixa a unha trintena de traballadoras na rúa

A nave do taller Macarly S.L. en Treos, Vimianzo
O peche dun taller provedor de Inditex en Vimianzo deixa a unha trintena de traballadoras na rúa

O drama do desmantelamento do sector téxtil na Costa da Morte segue medrando. A deslocalización e tercerización da produción de grandes firmas da costura, como a do grupo INDITEX, está provocando a desaparición das cooperativas e talleres de confección que tanto traballo feminino xeraron na zona durante os últimos corenta anos.

A última vítima deste proceso é o taller de confección Macarly S.L., en Treos (Vimianzo), que botou o peche hai aproximadamente un mes, deixando a case unha trintena de traballadoras na rúa. Traballadoras que terán que buscar agora unha alternativa laboral, o que non será tarefa doada. “Cerramos porque non temos o traballo suficiente para pagarlle á xente. Inditex non é que non che dea carga de traballo, pero non o defendes. Os prezos soben e os salarios tamén, polo que non podemos competir aquí”, recoñece Carmen Rial Esmorís, a xerente deste negocio.

Vía de escape nos anos 80

O sector téxtil tivo o seu auxe na zona a finais dos anos 80 e comezos dos 90. “Marcarly S.L. foi unha auténtica revolución porque conseguiu empregar a moitas mulleres que naquel momento traballaban na clandestinidade do sector agrario na súa propia casa”, comenta unha veciña de Vimianzo. “É máis, foi unha vía de escape para moitas mulleres que deixaban de estudar e querían aprender un oficio”, engade. Neste sentido, desde o grupo de goberno do Concello de Vimianzo, lamentan o peche. “Isto é algo que repercute negativamente na nosa economía, e por iso esperamos que se busque algún tipo de solución”, di o rexedor vimiancés, Manuel Antelo.

Última cooperativa en Corcubión

O peche deste taller de confección en Vimianzo non é un caso illado na bisbarra.

Así, en outubro de 2018 pechaba a última cooperativa textil de Carnota, deixando na rúa a 25 traballadoras.

E un mes antes, a finais do mes de agosto, botaba o peche en Corcubión 'Confecciones Corcubión', a última cooperativa téxtil que quedaba na Costa da Morte. “Non nos cubría telo aberto. INDITEX si que nos mandaba traballo, pero mandaba un modelo novo cada dous ou tres días. Era un traballo totalmente novo que non o podiamos asumir”, explica Juliana Martínez, quen recoñece que non tiñan nin o persoal, nin a maquinaria nin o espazo suficiente para facer fronte á nova demanda do xigante Inditex.

Pola súa parte, o alcalde de Corcubión, Manuel Insua, apunta que “a desaparición das cooperativas e talleres do téxtil é algo así como unha morte anunciada. Todos sabemos que estas grandes empresas prefiren levar o traballo a outros países onde a man de obra é  aínda máis barata. Desde o concello só nos queda lamentarnos por este tipo de situacións, xa que a Administración pouco pode facer para solucionar isto”, di.  

Comentarios