O ‘OEGA’ achégase a Vimianzo para resolver dúbidas sobre os contratos do proxecto eólico ‘Monte da Croa’
Xavier Simón, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e director do Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), impartirá unha charla informativa no auditorio de Vimianzo este venres 22 de marzo ás 19:30 horas.
A plataforma comarcal veciñal Vendaval Costa da Morte solicitou esta charla “con motivo das queixas da poboación afectada ante a ausencia de información”. Denuncian que xa se están asinando contratos, con supostos comerciais da empresa promotora do PE Monte da Croa, baixo falsas ameazas de expropiación.
O Concello de Vimianzo colabora poñendo as súas instalacións ao servizo do OEGA, organismo da Universidade de Vigo que ten como obxectivo favorecer a transparencia dos procesos de ocupación de terreos destinados a polígonos eólicos. Este observatorio tamén presta asesoramento gratuíto no proceso de negociación, o cal require da existencia de contratos.
Cabe recordar que este proxecto eólico foi autorizado pola Consellería de Industria en maio de 2023, pero a asociación ADEGA interpuxo un recurso no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en novembro do mesmo ano.