luns. 08.06.2026
El tiempo

Unha ruta para lembrar os 20 anos de loita e as 4 vitorias da sociedade soneirá polos Penedos

Ruta conmemorativa 20 anos Penedos-foto Emilio Roca
Ruta conmemorativa 20 anos Penedos-foto Emilio Roca
Unha ruta para lembrar os 20 anos de loita e as 4 vitorias da sociedade soneirá polos Penedos

Unhas 60 persoas xuntáronse este sábado para celebrar a “Ruta conmemorativa dos 20 anos de loita pola salvación dos Penedos”. I é que a sociedade soneirá ten moi presente aínda aquela vitoria nunha das batallas medioambientais máis sonadas dos comezos de século.

A cita lembraba concretamente a marcha reivindicativa baixo o lema "Salvemos os Penedos!" celebrada un 11 de xuño de 2006. Daquela, ante a ameaza dunha canteira, máis de 300 persoas acodían á convocatoria do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM) e outras asociacións.

Ruta conmemorativa dos Penedos-foto Manolo Mayo
Ruta conmemorativa dos Penedos-foto Manolo Mayo

Así o lembraron na escenario da Pedra da Cachucha, na "Ferida" (resultado da corta da canteira de 1997), Juan Ramón Vidal Romaní, Manuel Antelo Pazos e Xosé María Lema Suárez durante os seus discursos. Porque aquel día foi un punto de inflexión dunha loita pola salvación dos Penedos de Pasarela e Traba, iniciada xa no ano 1997 pola asociación Adiante Soneira, e que tivo que ser retomada en máis ocasións. Porque en realidade a pesar de que se logrou parar a canteira, e que os Penedos fosen declarados Paisaxe Protexida o 12 de xaneiro de 2009, as ameazas continuaron cos proxectos para instalar en 2019 os parques eólicos de monte Chan e Pena dos Mouros.

A xornada comezaba andando e recollendo lembranzas daquela xornada, pois moitos dos presentes xa estiveran naquel 2006. Unha vez na pedra multiforme, Vidal Romaní explicou a formación científica dos Penedos ó longo de millóns de anos. O ex alcalde Manuel Antelo recordou cando o seu goberno se decidiu a facer as primeiras rozas de camiños que permitían achegarse a estes tesouros rochosos.

Repaso cronolóxico

Pola súa parte Lema Suárez fixo un repaso cronolóxico, que podedes ver completo na web de SEMESCOM sobre as “4 vitorias” que leva conseguido a sociedade soneirá para manter intacto, ou case, a Paraxe dos Penedos de Traba e Pasarela.
Lema Suárez comezou coa primeira ameaza en 1997, cando a Asociación Cultural Adiante Soneira, a través dos seus voceiros Roberto Mouzo Lavandeira e Manuel Rivas, conseguira paralizar unhas obras que xa deixarian unha ferida para sempre. /p>

En 2006 outra empresa graniteira volve á carga para abrir outra canteira e foi aí, ante a posición favorable do alcalde, cando a veciñanza secundou a chamada do Semescom e entidades como o Instituto de Estudios Bergantiñáns, Adega-Costa da Morte, Axvalso, Adiante Soneira…

Outra data para gravar en pedra, a da 2ª vitoria, foi o 12-01-2009, cando se reixetaba oficialmente a canteira e se aprobaba declaración oficial de Paisaxe Protexida para so Penedos.

En 2017 comezaba a poderse camiñar polos Penedos, e en 2017 era a primeira vez que o Concello de Laxe se sumaba á loita, protagonizando dende 2019 unha fermosa colaboración a través dos seus técnicos para poñer en valor a paraxe.

Pero non ía ser todo festa, e en 2021, chegaron as novas ameazas dos proxectos de parques eólicos Monte Chan e Pena dos Mouros (ademais do de Soesto). Unha batería de alegacións presentadas pola plataforma salvemoSOSpenedos (integrada por varias asociacións, entre elas: A. de VV. de Pasarela, Calo Rural, Contramínate, Colectivo A Rula, Senda Nova, o Instituto de Estudios Bergantiñáns, Camiño dos Faros, Asociación Xuvenil Cherinkas de Vimianzo, Asociación Parroquial de Berdoias, Asoc. Feminista As Curandeiras de Vimianzo, Rede Galega por un rural vivo, Boca de Sapo, Adecom, Colectivo Na Area e o SEMESCOM), conseguía a 4ª vitoria o 31-03-2023 cando a Xunta de Galicia rexeita o parque eólico Monte Chan e tamén o de Soesto.

En 2024 o preisdente da Xunta visita os Penedos e en 2025 a paisaxe protagoniza o posto de Galicia en Fitur.

Con todo, a vitoria aínda non está completa, pois o Plan de Xestión dos Penedos, polo de agora, vai demasiado paseniño, sinalaron lembrando a memoria de Roberto Mouzo Lavandeira, o máximo valedor, garda e vixía dos Penedos.

Máis novas dos Penedos

Comentarios