ADEGA leva aos tribunais o Parque Eólico Monte da Croa
Como fixo con outros proxectos eólicos ao longo do país asociación ecoloxista ADEGA lanza a campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos para conquerir fondos para poder emprender accións xurídicas contra o P.E. Monte da Croa, promovido por Villar Mir Energía SLU nos concellos de Vimianzo e Dumbría, concretamente, ás parroquias de Cambeda, Castrelo, Baíñas e Berdoias. Un proxecto que avanza a pesar de que Xunta de Galicia, nunha Declaración de Impacto Ambiental de xaneiro de 2023, recoñeceu que "entre Vimianzo e a ría de Noia non caben máis eólicos porque xa están a afectar ás aves".
Para acadar este segundo desafio #TPP (ou #TiPodesParalos) correspondente ao P.E. Monte da Croa, a asociación ecoloxista galega ADEGA pon a disposición pública desde xa na plataforma online.
O obxectivo mínimo de recadación colectiva establecido por ADEGA para poder completar con garantías todas as accións xurídicas vinculadas co recurso da autorización previa e de construción do P.E. Monte da Croa nos tribunais pasa por acadar 7.300 euros.
P.E. Monte da Croa: "coroa da saturación eólica da Costa da Morte"
Así a define ADEGA, deixando clara pechando un círculo de aeroxeradores arredor da capital da Terra de Soneira e a poucos metros de varias aldeas, especialmente: Lavandeira, Piñeiros, Sanfíns e Rasamonde.
Os 7 aeroxeradores que o conforman, que suman unha potencia total de 27,90 MW, están agrupados en 2 conxuntos separados entre si por varios quilómetros, polo que as infraestruturas afectan a unha superficie desproporcionada na que habitan ata 26 especies con distintos graos de protección, como a salamántiga rabilonga, a víbora de Seoane ou as aves migratorias que visitan as lagoas de Castrelo. Ademais, desde hai máis dun lustro, está confirmada a presenza nesa zona dunha manda estable de lobos, cuxa zona de cría se ocuparía con varios do aeroxeradores.
O impacto do macroproxecto sobre o patrimonio cultural tamén é moi relevante, pois sitúase nunha área que, por si soa é un museo etnográfico ao aire libre, nas que se rexistran polo menos: 7 eiras de mallar, 21 muíños hidráulicos, 64 fornos de pedra, 99 hórreos... E outros elementos como fontes ou lavadoiros cuxos acuíferos se poden ver afectados polas obras na contorna de mananciais. Tamén afecta ás necrópoles megalíticas de Baíñas, que nese punto conta cunhas 20 mámoas. E a varios achados arqueolóxicos de Castrelo, como o Castro do Sino.
O outro conxunto eólico está xusto entre o petróglifo do Cotriño, os 14 muíños fluviais de Cambeda, as 6 mámoas da parte de Caxadas e as 7 mámoas da parte de Rasamonde, e deixaría a turística vila de Vimianzo sen ningún punto do seu horizonte libre de eólicos ou liñas de alta tensión.