![asalto ao castelo viminzo 2016]()
Ses, Celtas Corto, Quempallou e Firkin, entre outros, estarán no Asalto ao Castelo de Vimianzo
Cartelón para o
XXI Asalto ao Castelo de Vimianzo. Alba Mancebo e Manuel Rial - da organización - e Fernando Mancebo e Marta Rey - do concello - acaban de presentar o cartel do Asalto ao Castelo así como de todas as actividades paralelas arredor desta festa que xa está máis que consolidada na súa vinte e unha edición.
![Alba Mancebo, Manuel Rial, Fernando Mancebo e Marta Rey presentaron o cartel do Asalto ao Castelo]()
Alba Mancebo, Manuel Rial, Fernando Mancebo e Marta Rey presentaron o cartel do Asalto ao Castelo
A boa acollida das actividades paralelas que se celebran arredor do 2 de xullo provocou a necesidade de potencialas e buscar unha maior colaboración. A I
rmandade Parroquial continúa co seu chamamento ás asociacións e grupos de diferentes parroquias máis alá do concello vimiancés. A colaboración de diferentes grupos da antiga comarca da Terra de Soneira xa está confirmada: Borneiro, Baio, Zas, Camelle, Xaviña, Baíñas, Calo, Carantoña, Castrelo, Salto, Treos e Vimianzo.
Continuando pola senda das actividades secundarias, chaman tamén á colaboración no
Concurshow de Traxes Medievais e no
concurso de Fachadas. Como novidade, o Concurshow permitirá a inscrición previa a través do Facebook e o concurso de Fachadas abre unha nova vía de participación para os comercios - non hostaleiros - da vila, amais das casas particulares.
Este ano, a representación teatral vén de novo da man de
Guillermo Pérez, mais cun toque de espectacularidade engadido. A peza chámase Melodrama e trátase dun musical que satiriza o mundo das verbenas galegas con gravacións musicais de diferentes artistas dos arredores. Coma sempre, celebrarase un
cásting aberto a todo aquel que queira actuar na evocación da revolución irmandiña: día 28 deste mes na Casa da Cultura de Vimianzo a partir das 17 horas.
II Legua Irmandiña
![Pedro Nimo foi o ganador da I Primeira Legua Irmandina]()
Pedro Nimo foi o ganador da I Primeira Legua Irmandina
Co gallo do vinteavo aniversario, a organización decidiu crear novas actividades no 2015. Por unha banda, introducir o Asalto no mundo do deporte coa
Legua Irmandiña e por outra, realizar un evento para a exaltación do
Castro das Barreiras. Este ano conservaranse ambas. A
II Legua Irmandiña celebrarase o día 18 de xuño e volverá ser unha carreira pedestre nocturna polo centro da vila. A celebración no Castro das Barreiras será, coma no 2015, o sábado anterior ao Asalto, 25 de xuño, e constará dunha comida campestre e dunha tarde lúdica ás que todo o mundo será benvido.
Feira artesanal
Como xa se tiña informado, o prazo para os vendedores que queiran participar na
VI Feira Artesanal está aberto. Do mesmo xeito,
a venda de entradas para a Cea Medieval abrirase o 1 de xuño para todos os públicos, estando aberto por agora para todos aqueles colaboradores e patrocinadores da festa.
Xa preto da década de celebración,
os Pinchos Irmandiños contarán este ano con 17 petiscos nos locais hostaleiros da vila, sen esquecer o pincho doce que ofrece a organización no
stand da praza do concello. O roteiro gastronómico pola vila vimiancesa comezará o martes 28 de xuño e os horarios mínimos son entre as 12 e as 16 horas e as 19 e as 23 horas.
Concertos
![Alba Mancebo, Manuel Rial, Fernando Mancebo e Marta Rey presentaron o cartel do Asalto ao Castelo]()
As actividades e espectáculos que se celebran ao longo do sábado 2 serán moitas e variadas. Cabe destacar o que xa case se está facendo máis famoso que o propio Asalto:
o Asaltiño, outra evocación da revolta irmandiña para os máis pequenos. Por outra banda, debemos falar doutra das novidades que se dan ao longo do sábado para este colectivo, a Sala de Armas de San Martiño de Ozón realizará un
Torneo de Esgrima Histórico.
A gran noite musical adoita ser o propio día do Asalto, mais este ano o nivel non se queda atrás na noite do venres 1 coa Cea Medieval. Os asistentes á comida no foso do castelo desfrutarán da música de
Quempallou, unha das bandas máis representativas do folk galego actual. Tamén actuará
Cé Orquestra Pantasma, máis coñecido como o Home Orquestra.
A noite do Asalto comezará coa galega
Ses, que quentará motores para a
peza teatral Melodrama na que a revolta irmandiña tomará o castelo. Xa cos nobres vencidos,
Celtas Cortos continuará coa noite musical a partir da unha da mañá.
Firkin, vidos dende Hungría, espertará no público de Vimianzo o espírito festeiro que levan alá onde van para que logo os madrileños Spin Te Kú poñan punto final a esta longa noite de actividade.
O Asalto ao Castelo ten detrás o traballo de asociacións sen ánimo de lucro. Cherinkas, AXVALSO e o concello son as entidades sobre as que recae o peso principal deste evento, mais o resto de asociacións como Trubisquiña e outros colectivos da vila e comarca . así como os veciños e veciñas de Vimainzo - fan que sexa posible a súa existencia.
¡¡Lume Irmandiños!!
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
- Asalto ao Castelo