Venres. 19.04.2024
El tiempo

Polémica en Vimianzo ante a denuncia de Antelo a Mónica Rodríguez por unha presunta fraude na contratación do alumeado de nadal

Alumeado de Nadal en Vimianzo
Alumeado de Nadal deste ano en Vimianzo
Polémica en Vimianzo ante a denuncia de Antelo a Mónica Rodríguez por unha presunta fraude na contratación do alumeado de nadal

Continúa a escalada de xudicialización da vida municipal de Vimianzo. Xa na pasada lexislatura foron numerosas as denuncias que levaron ao exalcalde Manuel Antelo diante do xuíz. E parece que nesta o camiño é semellante.

Desta volta, o acusador é o propio ex alcalde e voceiro de Adiante Vimianzo, Manuel Antelo, que o pasado mes de xaneiro presentou unha denuncia ante o Xulgado de Corcubión contra a actual alcaldesa, a socialista Mónica Rodríguez por un presunto delito de prevaricación administrativa. Unha denuncia ante unha posible fraude na contratación do alumeado de Nadal 2019-2020. Esta fin de semana o grupo anunciaba que a Fiscalía vén de seguir co trámite.

Antelo considera que o grupo de goberno (PSOE) “actuou fraudulentamente, fraccionando o contrato en diferentes facturas para intentar maquillar a ilegalidade, saltando a Lei de contratación pública”. E asegura que este non foi o único caso no que as contratacións “se fan a dedo”.

Pola súa parte, o PSOE denuncia que Antelo mentiu cando asegura que foi a Fiscalía a que denunciou (e dá probas de que foi o propio exalcalde) e lamente que intente “desvirtuar o traballo da alcaldesa e do seu equipo”. Considera a denuncia “un episodio do máis baixo da clase política” para “tratar de desprestixiar, desequilibrar e deslexitimar un goberno e as súas accións”.

O grupo de goberno critica así o “odio, rancor e vitimismo” dun voceiro da oposición “cheo de complexos de quen ansía o poder máis que nada no mundo”.

Comentarios