sábado. 18.07.2026
El tiempo

Acordo a catro bandas para comezar a construción da nova EDAR de Cee e Corcubión

Anunciando a EDAR de Cee e Corcubion
Acordo a catro bandas para comezar a construción da nova EDAR de Cee e Corcubión

É unha das que peor funciona de Galicia, e por fin, vaise dar unha solución a un problema que levádas permitindo a contaminación na ría. Unha vez avanzada na mellora da rede de saneamento da zona, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e os concellos de Cee e Corcubión selan o acordo para construír a nova EDAR, cun investimento de 14 millóns de euros

O acordo permitirá executar unha infraestrutura necesaria para mellorar o saneamento da ría e resolver as limitacións da actual depuradora, construída na década dos noventa, que chegou ao final da súa vida útil e non conta con capacidade suficiente para atender as necesidades actuais e futuras.

O investimento total previsto ascende a 13.870.999,70 euros. O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER, financiará o 60% da actuación, mentres que Augas de Galicia asumirá outro 20%. En conxunto, ambas as achegas suman 11.096.799,77 euros. O 20% restante, 2.774.199,93 euros, será financiado polas administracións locais.

A Deputación da Coruña achegará 1,4 millóns de euros, distribuídos en dúas anualidades de 700.000 euros. Desta cantidade, un millón de euros destinarase a apoiar o Concello de Cee e 400.000 euros o Concello de Corcubión. Pola súa parte, Cee achegará 1.030.674,93 euros e Corcubión outros 343.525 euros.

Anunciando a EDAR de Cee e Corcubion 2

Unha depuradora para máis de 16.400 habitantes

 

A nova EDAR construirase no municipio de Cee, nunha parcela situada nas proximidades da rúa Fornelos e da zona de servidume do porto de Brens, practicamente fronte á instalación actual. Esta localización permitirá manter en funcionamento a depuradora existente durante a execución das obras.

A infraestrutura estará deseñada para atender unha poboación superior aos 16.400 habitantes equivalentes e tratar un caudal medio de 4.591,13 metros cúbicos diarios. En situacións de maior achega poderá asumir ata 15.582,72 metros cúbicos ao día.

Os traballos inclúen a construción da nova estación depuradora, a conexión coa impulsión procedente do tanque de tormentas, a incorporación dos ramais de Brens e da parte alta de Cee mediante un novo bombeo e a execución da condución de vertido ao mar.

A nova instalación contará cunha liña completa de tratamento de augas, con arqueta de entrada, pretratamento, tamizado, desarenado, desengraxado, tratamento biolóxico con eliminación de nitróxeno, decantación secundaria, desinfección mediante raios ultravioleta e sistema de medición de caudal.

Tamén disporá dunha liña de tratamento e deshidratación de fangos, instalacións para recibir e tratar os procedentes de fosas sépticas, edificio de explotación, sala de control, taller, vestiarios, sala de soplantes e un sistema de desodorización para evitar molestias por cheiros.

A actuación forma parte das medidas destinadas a mellorar os sistemas de saneamento e depuración da ría de Corcubión e permitirá adaptar o tratamento das augas residuais aos estándares ambientais establecidos pola normativa europea e galega.

Comentarios