Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Retrato de dúas familias de arqueiros

Retrato de dúas familias de arqueiros

Non son Robin Hood. Pero se alguén tivera que asaltar as Torres do Allo para roubarlle aos ricos e darlle os tesouros aos pobres, de seguro que tirabamos deles.
Xa o temos dito en varias ocasións, pero non cansamos de repetir que a Costa da Morte xa é unha potencia en tiro con arco ademais de ter asegurada unha boa canteira. E así o puidemos comprobar por nós mesmos acodindo a pasada semana a unha sesión para prensa artellada polos dous clubes da Costa da Morte, da comarca de Soneira, nesta disciplina habitualmente (pero non fixa) olímpica: o Clube Dousporsetenta de Vimianzo e o clube Su A Agra de Baio.

Invitados por Víctor Santos, un dos responsables do clube vimiancés, acodimos ao pavillón para compartir a experiencia de lanzar unhas frechas. E a verdade é que foi máis que positiva. A involucración da xente dos clubes, así como os pormenores deste non tan coñecido deporte fixeron da sesión un experimento excepcional.
Parece pois que haberá que voltar para ir mellorando a puntería, pero é que 18 metros son moitos metros, e ás veces nin no corcho entraban as rechas. Como apuntamento, un principiante como o que escribe apuntaba á diana grande, pero á diana grande, en xeral. Mentres, os tiradores apuntaban ao amarelo e das 3 pequenas dianas que hai a carón da grande... E mellor non falamos dos moratóns que saen nos brazos aos que non sabemos lanzar todo o recto que esixe o arco...

Constancia e cabeza

É aí unha das claves deste deporte. Quen o proba, repite. Porque o afán por mellorar fai que tires de constancia, para mellorar e ir achegándote ao centro da diana si que forma parte da vida. "Eu creo que a semana que vén podo tirar algo mellor e asegurar máis" repítense cada sesión, xa pensando no seguinte adestramento. Sempre se pode mellorar e aí está un dos seus valores.

Pero ollo, que "é todo cabeza", bueno, nun 90%, porque tamén fai falta algo de abdominais, algo de forza nos brazos, equilibrio... Pero se non estás ben da cabeza (enténdase concentrado) non vas acertar ningunha.

Participación e canteira

Ambos clubes contan cunha ducia de compoñentes, uns, claro, máis involucrados que outros. Pero o máis bonito é que boa parte da xente involucrada é a mocidade. Vimos que dende os 12 anos xa hai rapaces e rapazas que acoden un par de días á semana aos adestramento, así como ás competicións, cada día máis habituais.

Modalidades

Iso si, notamos varias diferencias entre ambos clubes. Vemos un clube vimiancés, o Dousporsetenta, algo máis institucional, coa súa modalidade de Tiro Olímpico como bandeira, e acodindo aos campionatos autonómicos, colleitando ademais algún bo resultado como o de José María Lema, campión galego de recurvo.

Tamén o clube baiés de Su A Agra, vencellado á Asociación Deportiva Cultural que vén de organizar a divertida San Silvestre baiesa, compite nestas competicións, como o comprobamos co 2º posto de Santi Soneira na modalidade de arco desnudo ou o 8º de Javier Villar en arco tradicional. Pero a estes baieses vaille máis o aire libre. E así se apuntan a numerosos campionatos de caza, de pura caza, con arco tradicional, ou tradicionalísimo. Alí se van, ao medio do monte, para ir cazando animais de madeira agochados por entre os bosques. Unha experiencia auténtica, sen dúbidas.

Queremos con esta reportaxe agradecer a invitación dos responsables dos clubes da comarca de Soneira, ademais de dar boa conta do grande traballo que están a facer para espallar este deporte tan singular. E por suposto, se alguén quere apuntarse, que pregunte nos concellos de Vimianzo e Zas que non terá problemas para comezar unha longa sigrandura como arqueiro costeiro.

Sorte a toda a familia de tiro con arco da Costa da Morte!

Outras novas

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios