Domingo. 05.05.2024
El tiempo

O rural vimiancés esperta ante un proxecto eólico “desproporcionado” que afecta desde Cambeda ata Berdoias

230813_Vendaval en Castrelo
Reunión con Vendaval en Castrelo
O rural vimiancés esperta ante un proxecto eólico “desproporcionado” que afecta desde Cambeda ata Berdoias

A poboación afectada encheu o pasado venres a escola de Castrelo para recibir información sobre o polígono eólico “Monte da Croa”, promovido por Villar-Mir, mediante unha charla organizada polas asociacións Vendaval e ACOUGA.

A Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia estivo representada polo seu Presidente, Manolo Pérez, que aconsellou non asinar contratos abusivos nin ceder ás ameazas de expropiación por parte de representantes da empresa. Tamén participou Manuel Germade, coa experiencia da paralización dos eólicos “Sasdónigas”, e advertiu da perda de valor das propiedades dentro da extensa superficie poligonal no caso de Vimianzo.

O Arquitecto Técnico Roberto Roget, consultado para a ocasión, informou das características dos aeroxeradores, proxectados a unhas distancias “excesivamente próximas aos núcleos de Piñeiros, Sanfíns ou Lavandeira, en termos de seguridade e habitabilidade das vivendas”. Tamén lle consta unha “afección directa á captación de augas de consumo”, concretamente para o núcleo de Berdoias.

En nome da asociación Vendaval da Costa da Morte, Lorena Suárez animou a apoiar economicamente a campaña “Ti Podes Paralos” da asociación ecoloxista ADEGA, que entra na última semana e aínda non acadou a cantidade mínima para poder presentar o necesario recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Podes informarte na Campaña “Ti Podes Paralos Monte da Croa”: 

Máis novas sobre eólicos.

Comentarios