Un santuario castrexo evidencia unha ocupación máis antiga do Castro das Barreiras
Comezaba xa ben a campaña arqueolóxica 2026 no Castro das Barreiras o pasado mes de maio. Pero os resultados despois dun mes de traballo van máis alá. A intervención que achegou importantes novidades para o coñecemento deste xacemento e que confirma o seu enorme potencial científico e patrimonial.
Os traballos centráronse nun sector da muralla onde se realizaron algúns dos descubrimentos máis relevantes das campañas desenvolvidas ata o momento. Entre eles destaca a documentación dun sistema de acceso á fortificación mediante escaleiras, unha estrutura que permite comprender mellor a organización interna e o funcionamento das defensas do asentamento.
A intervención permitiu tamén identificar un espazo de carácter sacro situado xunto á muralla, delimitado por unha serie de altares con betilos. A localización deste santuario constitúe un dos achados máis significativos da campaña, xa que reforza a interpretación da muralla non só como elemento defensivo, senón tamén como espazo cargado de simbolismo para a comunidade que habitou o castro.
Castrexos e romanos
Os materiais arqueolóxicos recuperados nesta área son maioritariamente de tradición indíxena, destacando a presenza dun único fragmento de cerámica romana. Estes datos contribúen a avanzar no estudo das prácticas relixiosas das comunidades castrexas e abren novas vías de investigación sobre a orixe e evolución deste tipo de espazos rituais documentados en varios asentamentos costeiros de Galicia.
Outro dos resultados máis destacados da campaña foi a localización dunha vivenda situada baixo niveis de ocupación xa coñecidos. Aínda que as análises cronolóxicas continúan en marcha, as evidencias arqueolóxicas apuntan a que esta estrutura podería corresponderse cunha fase moi temperá do asentamento, posiblemente vinculada ás primeiras etapas da Idade do Ferro, o que situaría a ocupación do Castro das Barreiras nunha cronoloxía máis antiga da considerada ata agora.
Protección e futuro
Co fin de garantir a conservación dos restos descubertos, o equipo arqueolóxico dirixido por Tito Concheiro, aplicou medidas de protección preventiva nos elementos máis sensibles, especialmente nos calzos asociados aos betilos, que permanecerán preservados ata futuras actuacións de investigación e restauración.
Á vista dos resultados obtidos, as próximas campañas centraranse na ampliación da área de escavación cara aos sectores adxacentes da muralla e das zonas de hábitat. O obxectivo será completar o estudo deste espazo sacro e avanzar no coñecemento das primeiras ocupacións do castro, nun proxecto que se perfila como unha investigación a longo prazo.
Máis novas do Castro das Barreiras