venres. 20.06.2025
El tiempo

Arrinca unha nova campaña de escavación no Castro das Barreiras cunha vivenda de planta complexa como protagonista

VIMIANZO - ESCAVACIÓN CASTRO3
Arrinca unha nova campaña de escavación no Castro das Barreiras cunha vivenda de planta complexa como protagonista

O Concello de Vimianzo vén de iniciar unha nova campaña de escavación arqueolóxica no Castro das Barreiras, no marco das actuacións de conservación e posta en valor do patrimonio local. Os traballos, dirixidos polo arqueólogo Tito Concheiro, comezaron este 18 de xuño e supoñen a continuidade do plan de escavación de desenvolvemento orgánico na zona visible do castro.

Nesta nova fase dos traballos ampliarase a superficie escavada en 40 metros cadrados, unha extensión considerable nun xacemento desta índole. Os esforzos centraranse especialmente na vivenda de planta complexa, unha construción de grandes dimensións que supón “a primeira vez que se documenta unha construción cunha planta tan desenvolta, xa que conta incluso cun recibidor”, sinalou o responsable da intervención, que mostrou a súa “ilusión” ante os achados que poidan xurdir nos vindeiros días.

“Penso que vai ser un salto cualitativo na investigación, xa que o Castro conta xa con sete cabanas visibles, todas diferentes entre si, e esta éo aínda mías”, asegurou Concheiro. A escavación desta oitava vivenda confirma a diversidade arquitectónica do castro e achega nova información sobre os modos de vida daquela época. “Cada habitante construía a súa casa segundo os seus gustos e necesidades, e iso dá mostra da riqueza arqueolóxica deste espazo”, sinalou.

Tarefas de limpeza

A campaña inclúe tamén tarefas de limpeza e mantemento do castro, que se realizan por terceira vez co apoio do Concello. Estas accións confirman o compromiso coa recuperación e revalorización do patrimonio: “desde o inicio apostamos por converter o Castro das Barreiras nun referente do turismo arqueolóxico, e esta nova escavación é un paso máis nese camiño”, sinalou a alcaldesa, Mónica Rodríguez.

Máis novas do Castro

Comentarios