SEA deixa para outubro as “fórmulas” para dinamizar o polígono de Vimianzo
Recibiu a visita o polígono empresarial de Vimianzo da xerente de SEA (Suelo Empresarial do Atlántico), Beatriz Sestayo. Unha visita da que esperábamos solucións concretas despois das promesas realizadas o pasado mes de febreiro.
A visita deixou constancia da boa sintonía entre Concello e o organismo dependente do Ministerio de Fomento, pero só deixou a nova promesa de que a SEA se compromete a buscar “fórmulas” que favorezan a implantación de empresas no polígono industrial, para facelo máis “accesible” e “asequible” para os empresarios. O Concello e a SEA acordaron a realización en outubro dunha reunión técnica cos empresarios interesados en implantarse no polígono industrial.
A alcaldesa Mónica Rodríguez, e os concelleiros de Obras e de Benestar Social, recibiron á expedición, que pasaron a visitar a empresa Gerca, especializada en mobiliario e arquitectura metálica e puntera no seu sector, con preto de 80 traballadores en persoal.
Publicidade e ofertas de financiamento
“É prioritaria a captación de empresas e mercados para este polígono a través de distintas vías, mantendo en primeiro lugar unha imaxe adecuada do polígono e, en segundo lugar, favorecendo a súa publicidade para dalo a coñecer e expoñer as súas posibilidades aos empresarios”, asegurou Sestayo.
Ademais, estudarán medidas en torno a posibles métodos de financiamento ou outras fórmulas que favorezan que o polígono SEA máis asequible aos empresarios.
Conexión ca autovía
Sobre a importante e polémica conexión do polígono coa Autovía, a SEA limitouse a dicir que “non ten competencias” respecto diso. Mentres, goberno central e Xunta seguen lanzándose os balóns fóra.
Novas relacionadas
- Xuño 19: A Xunta descarga no Goberno Central a conexión da Autovía co polígono de Vimianzo.
- Abril 19: O PSdG volve preguntar pola saída da Autovía ao Polígono de Vimianzo,
- Febreiro 19: O PSOE acorda medidas co SEPES para aumentar a competitividade do Polígono de Vimianzo.
- Febreiro 19: Estrella Galicia como “tractor” para o despegue do Polígono de Vimianzo.