Martes. 07.07.2020
El tiempo

SEA formulará alegacións para que a Xunta asuma o enlace do Corredor co Polígono de Vimianzo

Reunion en Vimianzo con SEA
Reunion en Vimianzo con SEA
SEA formulará alegacións para que a Xunta asuma o enlace do Corredor co Polígono de Vimianzo

Segue a disputa entre as administracións sobre a responsabilidade para crear o enlace da Vía de Altas Prestacións co Polígono de Vimianzo, mentres a obra segue acumulando históricos retrasos. O pasado mes de febreiro a Xunta anunciaba o proxecto dos 5 novos quilómetros entre Baio e Santa Irene, que contempla unha saída, pero non o enlace completo ata o parque empresarial vimiancés, por considerar que é competencia estatal.

A alcaldesa Mónica Rodríguez ten reiteirado a súa intención de seguir loitando por ese enlace, e nesa liña se pode enmarcar o novo encontro que tivo coa xerente de “Suelo Empresarial del Atlántico”, Beatriz Sestayo, este mércores. Unha reunión na que tamén participou orepresentante da Plataforma Corredor Xusto, Miguel Queiro.

Beatriz Sestayo anunciou que SEA formulará alegacións ao proxecto de ampliación da Vía de Altas Prestacións , “debido a que se trata dunha vía de carácter autonómico e na que a competencia é claramente da Xunta de Galicia. Ademais, ao estar rematado o polígono empresarial dende hai case 10 anos xa non se trata dunha competencia estatal”, sinala Sestayo, que avanzou que remitirá nos próximo días u”n estudo técnico xurídico sobre este enlace, no que se evaluará a necesidade deste enlace e clarificarán as competencias existentes”.

Dinamizar o polígono: parcelas en réxime de Dereito de Superficie

Para dinamizar o polígono, que conta cunha superficie bruta de 335.095 metros cadrados, tamén mantiveron contacto co sector empresarial. Ademais do primeiro Plan Estratéxico que está facendo SEA, a idea é establecer parcelas en réxime de Dereito de Superficie, que permiten que o adxudicatario poida establecerse na parcela sen ter que mercala, polo que durante os primeiros anos tería que facer frente a cantidades que poderían rondar só os 100 euros ao mes e decidir a partir do quinto ano se facer efectiva a compra –con desconto parcial das cantidades abonadas previamente—ou ben seguir neste réxime ata 30 anos.

Unha opción “moi atractiva”, segundo resaltou Beatriz Sestayo, e que ven de dar os seus froitos en Muros, onde o 7 de abril SEA adxudicou unha parcela de 977,12 metros cadrados, en dereito de superficie, por un canon de tan só 1.172,57 euros ao ano. Este tipo de adxudicación está vixente tamén en Malpica, Cee, Vilanova, Catoira e Mondoñedo.

Novas relacionadas

comentarios