A veciñanza de Treos prefire patrimonio a viraventos

Este pasado domingo a veciñanza da parroquia de Treos volveu reunirse á saída da misa para falar sobre o parque eólico Patiñeiro, proxectado para esta parroquia situada no concello de Vimianzo. Son os propios veciños e veciñas os que están informando sobre as consecuencias que traerá a construción deste parque. A parroquia quedaría totalmente partida á metade debido a este proxecto e a área de influencia dos viraventos estaría a menos de 500 m dalgunhas casas.
Un dos muíños estaría situado a uns 300 m do dolmen de Pedra Cuberta, dolmen que foi escavado no 2023 para confirmar que conserva pinturas rupestres. Este, en concreto, é un dos máis importantes de todos os que conforman a Ruta dos dolmens. Esta ruta quedaría moi dañada e afectaría de xeito irreversible a zona impedindo realizar o parque do Megalitismo que diferentes entidades públicas queren levar a cabo.
Treos é unha parroquia que conserva un riquísimo patrimonio; non só se localizan varios dolmens, senón que posúe no seu núcleo unha das igrexas máis bonitas e interesantes da comarca soneirana, a igrexa de S. Miguel (igrexa do século XII). Esta xunto cun fermoso pazo, a Capela de S. Xosé e varios muíños de auga no lugar de Xora demostran a relevancia que tivo esta parroquia en tempos pasados.
A maior parte da veciñanza considera que este é un moi bo momento para poñer en valor todo este patrimonio; ademais de identificar a Ruta Mariana que cruzaría pola parroquia e incluso preparar dúas zonas para posibles miradoiros, desde os que se podería avistar barcos no mar de Camariñas.
Recadación de fondos
Para levar este parque á Xustiza, a asociación ecoloxista ADEGA está recadando fondos. Precísanse duns 8100 euros dos cales teñen xuntado uns 6000. Falta só unha semana para conseguir o total e, por isto, os veciños e veciñas de Treos solicitan unha pequena axuda para xuntos acadar o obxectivo final.
A Asociación ecoloxista Vendaval Costa da Morte que apoiou e colaborou na campaña indica que desde Camariñas ata Carnota xa non queda un monte libre de viraventos e que se está a destruír unha das paisaxes máis atractivas da Costa galega. Afirman que non podemos seguir sendo terra de sacrificio e, para iso, animan a que as persoas difundan e doen nesta campaña. Vendaval informa de que as doazóns a Adega desgravan un 80 % na declaración da renda e que toda axuda é benvida. Estas doazóns pódense facer nesta ligazón.