Vimianzo abre novas axudas ás entidades locais
Novas as axudas as que coñecemos a través do Concello de Vimianzo. Por un lado, a Xunta vén de aprobar as Axudas ao alugamento de vivendas, que xa podedes consultar na súa web.
Por outra banda, e a nivel municipal, a xunta de goberno local de Vimianzo vén de aprobar a convocatoria de subvencións para o fomento de actividades culturais, sociais e deportivas. Unhas actividades fundamentais para encher de vida o concello durante todo o ano.
Para poder acceder a estas axudas é preciso estar inscrito no rexistro municipal de asociacións e, ao igual que na anterior convocatoria, poderase solicitar o cobro do 60% da contía no momento en que se notifique a concesión e o 40% unha vez presentada a xustificación.
En canto ás actividades culturais mantense a cantidade orzamentada en anteriores convocatorias, 3.500 €; e auméntase a cantidade dedicada a actividades deportivas, que ascende a 24.000€. Nas bases de fomento do deporte hai máis novidades con respecto a convocatorias anteriores. Se ben se manteñen as subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para asociacións e clubs ou equipos de fútbol; créase un novo apartado en réxime de concorrencia non competitiva para os equipos de fútbol co fin de fomentar a creación de novas categorías deportivas e a organización de actividades diferentes ás cometicións marcadas pola federación nas que poidan participar terceiros beneficiarios. Como en anos anteriores, as cantidades destinadas aos clubs de fútbol repártense en función da categoría na que militen, aumentando a contía destinada a cada categoría, tanto para o desenvolvemento da actividade coma para o transporte e a arbitraxe.
Nos vindeiros días publicaranse as bases no BOP e haberá un prazo dun mes, a contar desde a data da publicación, para presentar as solicitudes no Rexistro xeral do Concello de Vimianzo.
Novas relacionadas
- Nova fornada de cursos de alimentación, carretillero e mergullo.
- O IGAPE intentou explicar as súas axudas en Vimianzo.
Fonte
- Concello de Vimianzo.