Venres. 26.04.2024
El tiempo

Vimianzo afronta a reforma integral do ximnasio

O Pleno aprobou un suplemento de crédito de 518.000 euros para diversas melloras e gastos ordinarios
Ximnasio Municipal Vimianzo
Vimianzo afronta a reforma integral do ximnasio

O Concello de Vimianzo vén de licitar o proxecto de reforma integral nunha das instalacións con máis demanda de todas as de competencia municipal: o ximnasio. O proxecto contará cun orzamento base de case 173.000 euros. O prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro 18 de novembro.

A reforma do primeiro andar baséase na redistribución de todo este espazo, deixando toda a planta diáfana para o uso como ximnasio, cun pequeno aseo adaptado.
No novo deseño do espazo están previstas cinco zonas definidas: unha zona de cardio, con vistas ao exterior por medio dunha gran zona acristalada; un corredor de arrastre, en herba artificial; a zona de musculación; unha zona de peso morto e unha zona destinada a estiramentos, ámbalas dúas rematadas con losetas de caucho.
Redimensionaranse os espazos de luz para dotar de maior iluminación a todo o primeiro andar, e adaptarase a instalación de fontanería e saneamento para dar servizo ao novo aseo adaptado. Limparanse e pintaranse todas as fachadas do edificio con pintura de acabado mate.

Pleno

O pleno do pasado venres 29 de outubro aprobou, por unanimidade, un suplemento de crédito para elaborar diversas melloras no municipio, que contou cos votos favorables do equipo de goberno e do resto de grupos. O grupo de goberno disporá de 518.000 euros, dos que 300.000 euros irán destinalos a gastos ordinarios, debido á cantidade de tarefas que se están a desenvolver por parte dos equipos de servizos múltiples, albanelería, eléctricos e xardinaría, entre outros.
Dos restantes 218.000 euros, adicaranse 48.400 euros a dotar dun parque infantil, un parque que contará cun equipo de aparellos biosaudables ao núcleo de Carnés, ademais dun área de xogo con diversos elementos como porterías; 60.000 euros para acondicionar o núcleo da Bouza; 15.000 euros para a renovación dos cuartos de baño da Escola Unitaria de Carantoña; 75.000 euros para a rehabilitación dos vestiarios do Campo de Fútbol e 20.000 euros para concretar un incremento no gasto no ámbito do abandono animal, dada a crecente demanda.

Comentarios