Vimianzo aumenta as horas do Servizo de Axuda no Fogar
- Na sesión plenaria extraordinaria aprobouse tamén a solicitude á Deputación da Coruña para impulsar o proxecto ‘Alza Voz de Muller’

O Concello de Vimianzo aprobou a nova licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que suporá un notable incremento nas horas e unha mellora nas condicións económicas con respecto ao contrato anterior.
Aprobado por unanimidade, e cun orzamento de 5.195.484 euros, o contrato establece un aumento significativo no total de horas anuais, pasando das 29.735 horas actuais a 53.000 horas.
A duración inicial será dun ano, con posibilidade de prórroga por tres anos adicionais, o que permitirá garantir a continuidade e estabilidade do servizo.
Alza Voz de Muller
O pleno aprobou tamén a solicitude de colaboración provincial para o proxecto ‘Alza Voz de Muller’, presentada como unha iniciativa de gran impacto que transcende o ámbito local para estenderse por toda a provincia. Esta proposta
busca crear un foro de liderado feminino no rural, proporcionando un espazo seguro e propio para que as mulleres profesionais e emprendedoras poidan conectar, compartir experiencias e fortalecer redes de colaboración.
Este proxecto conta cunha planificación exhaustiva que inclúe a coordinación do evento, o deseño da súa identidade visual, a creación dunha landing page con sistema de reserva e pago, e unha estratexia sólida de comunicación.. Ademais, contará coa participación de relatoras de recoñecido prestixio a nivel galego e nacional, unha actuación en directo, material gráfico, workshops e cobertura multimedia completa.
O evento aspira a converterse nun referente que non só visibiliza o talento feminino, senón que tamén denuncia as desigualdades estruturais que as mulleres enfrontan no mercado laboral e no mundo do emprendemento. O enfoque é claro: falar de liderado, emprendemento, poder e autonomía dende unha perspectiva de xénero.
Convenio co Soneira
Concello de Vimianzo e a Sociedade Deportiva Soneira Club de Fútbol asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de promover a práctica deportiva, especialmente o fútbol. Este acordo, asinado pola alcaldesa, Mónica Rodríguez, e o presidente do club, José Alfonso Miñones, pon de manifesto o compromiso do municipio co fomento da actividade física, tanto na poboación adulta como entre os máis novos.
A través deste convenio, o Concello destinará 19.000 euros para o desenvolvemento das actividades deportivas que leva a cabo a entidade. Esta suma permitirá fomentar a práctica do fútbol entre as diferentes categorías coas que conta, desde as categorías sénior ata as categorías base (desde a prebenxamín ata a xuvenil).
Outro dos aspectos máis importantes é o acordo por manter e seguir impulsando o deporte feminino coa creación de equipos de categoría feminina, co obxectivo de darlle visibilidade e crear máis oportunidades para as mulleres no ámbito deportivo.