Vimianzo celebra o ‘Mes do libro’ cun abril repleto de historias de autores e autoras de Galicia

Vimianzo celebrará o ‘Mes do libro’ cunha completa programación de presentacións literarias que se desenvolverán do 4 ao 27 de abril na Casa da Cultura. Durante este período, diversos autores e autoras de Galicia compartirán as súas obras co público, poñendo en valor a riqueza da literatura e da cultura galega.
A primeira cita terá lugar o vindeiro venres 4 de abril, ás 20:00 horas, coa presentación da obra ‘Médicos e Medicina rural na Costa da Morte’, de Braulio Pérez. O libro afonda na figura de Manuel Pérez Maroño, médico rural durante máis de corenta anos, desde a década dos cincuenta ata a súa xubilación en 1995. No evento participará tamén Juan J. Gestal, autor do prólogo.
O venres 11 de abril, tamén ás 20:00 horas, presentarase ‘Cantareiras’, unha peza na que se fai un percorrido polo legado da música e a poesía popular. Nela explórase a tradición das pandereteiras e a importancia de figuras como As Vellas de Mens, Eva Castiñeira e Adolfina e Rosa Casás. Participarán os autores da obra, Icía Varela e Xosé Manuel Varela.
A programación continuará o mércores 23 de abril, coincidindo co propio Día do Libro. Esta vez será a quenda do escritor vimiancés Alberto Mancebo, con ‘Indolente’, novela gañadora do XXX Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey. A obra aborda unha inquietante historia de ameazas climáticas e dilemas morais entre a solidariedade e a supervivencia individual. O acto contará coa participación do autor e será presentado pola xornalista Esther Estévez.
Para pechar a programación, o domingo 27 de abril, ás 18:30 horas, Caxoto presentará ‘Avoa, neto e burro’ a través do espectáculo ‘Un libro baixo a almofada’. Trátase dunha homenaxe aos libros clásicos da infancia, os mesmos que marcaron xeracións e sentaron as bases das primeiras aventuras literarias.