sábado. 07.12.2024
El tiempo

Vimianzo humanizará a rúa Castelao

HUMANIZACIÓN DA RÚA CASTELAO Vimianzo
Proxecto da rúa Castelao
Vimianzo humanizará a rúa Castelao
Boa aposta pola humanización do centro da vila. O Concello de Vimianzo vén de sacar a licitación da execución do proxecto de humanización e mellora urbana no primeiro tramo da rúa Castelao e fronte da praza do Concello. "O peón será o gran protagonista desta actuación, e a súa comodidade e seguridade son as nosas grandes prioridades", sinalou a alcaldesa, Mónica Rodríguez.

A actuación, que conta cun orzamento de execución de 285.000 euros, inclúe a repavimentación da zona que dá fronte ao Concello e comezo á rúa Castelao. Con estes traballos búscase dar un aspecto de unidade ao conxunto cun acabado de
formigón na zona de circulación de vehículos. Deste xeito, quedaría todo nunha única plataforma, convertendo esta área nunha zona peonil para pasear.
Incorporaranse tamén vexetación e pequenas zonas verdes.

O pavimento da zona para a circulación de vehículos será de lousa de formigón, cun eixo central de adoquín. Este material será tamén o que separe o carril da zona peonil, cuxo pavimento será de lousa de granito no caso da rúa Castelao e de
baldosa con acabado granallado na rúa Vázquez Mouzo. Os catro pasos de peóns non sufrirán modificacións, manténdose nos mesmos lugares que na actualidade.

Os traballos inclúen tamén a instalación de pluviais, previa ao pavimentado, construíndose a rede de evacuación dos mesmos a ambos lados da vía e conectando os embornais con rexiña de protección e tubaxe para empalmar coa rede de evacuación localizados na rigola. Isto suporá a separación das augas pluviais e fecais, que na actualidade transcorrían pola mesma liña. Tamén se realizará unha nova rede de saneamento que manterá o mesmo trazado que a actual, xa que a existente está en mal estado.
Tamén se vai adaptar e mover algunha das luminarias da rúa que dá fronte ao concello, mentres que na rúa Castelo colocarase iluminación suspendida. Instalarase tamén a canalización da electricidade e telecomunicacións para o seu futuro soterramento.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 10 de decembro.

Comentarios