Vimianzo, capital do liderado feminino
- Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo: “liderar sendo muller non só require formación ou esforzo: require valentía, autoconfianza e rede”
- Mar Barreiro, xerente de Reneymar: ”O teito está onde ti o poñas”
- Paula Pose, xerente de Agrosoneira: "O que as mulleres queremos é esa verdadeira concilialición co noso ser, coa nosa vida laboral, familiar,… E temos que tecer redes para camiñar cara iso".

Acolle esta fin de semana o auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo un evento histórico para a Costa da Morte. Porque que a nosa comarca acolla un congreso coma este Foro de Liderado Feminino Alzavóz de Muller é “un privilexio”, pero ao mesmo tempo algo necesario, como nos contaba Patricia Vaquero, referíndose a que eventos deste nivel de participantes só se adoitan atopar en centros urbanos.
120 mulleres da comarca, pero tamén doutras partes da provincia, participan activamente neste espazo de reflexión, organizado polo Concello coa colaboración da Deputación da Coruña, que serve para compartir experiencias, retos e inspiración arredor do emprendemento e a innovación, sempre baixo unha perspectiva de xénero.
Porque é necesario falar de liderado, de cartos, de soldos, de conciliación, de teitos de cristal. É moi necesario que mulleres con experiencia en postos de responsabilidade compartan esas cousas que non se ven, que teñen que superar por mandar en ambientes masculinizados. É moi necesarios que mulleres, xefas, do rural, demostren que aquí, na Costa da Morte, tamén é posible.
”O teito está onde ti o poñas”, sinalaba Mar Barreiro, responsable da empresa de maquinaria industrial Reneymar, sita no polígono de Bértoa, dando boa conta do relato principal que trata de lanzar este foro.
As intervencións

Así o sinalou a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, a encargada de abrir o evento manifestando que “este Foro nace nun lugar que moitas veces quedou fóra dos focos: o rural. Pero aquí tamén hai mulleres que lideran, que emprenden, que transforman e que merecen estar no centro das conversas importantes”. Rodríguez mostrouse “profundamente orgullosa” da acollida do evento e puxo en valor o camiño colectivo das mulleres ao longo da historia, lembrando que “liderar sendo muller non só require formación ou esforzo: require valentía, autoconfianza e rede” e destacou a importancia que teñen “espazos coma este, creado para pensar xuntas, recoñecernos e visibilizar os desafíos que vivimos”.
Estiveron presentes na primeira mesa tamén a deputada provincial do BNG Avia Veira, alentando a que as administracións sigan “combatendo” as desigualdades; e a deputada de Emprego, a socialista Rosa Ana García, que puxo en valor “o potencial das mulleres rurais como clave para o desenvolvemento local, a innovación e a fixación de poboación”.
Pola súa parte, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, foi a encargada de pechar a rolda de intervencións poñendo en valor a importancia de que este evento “se celebre aquí, no rural” e definíndoo como “imprescindible” xa que “nos permiten poder escoitarnos, aprender e inspirarnos unhas a outras. Permítenos visibilizar que as mulleres contamos moito e temos moito que contar”.
A importancia destes espazos
Alza Voz de Muller inaugurouse, baixo o título ‘Por que necesitamos espazos para mulleres que lideran e emprenden?’ da man da concelleira de Igualdade, María José Pose, que puxo en valor “a forza transformadora” dun foro “que nace no rural pero que rompe fronteiras. Nestas dúas xornadas falaremos con referentes con referentes a nivel nacional, autonómico, provincial e, por suposto, rural”.
A edil concluíu desexando a todas as asistentes que “este espazo sirva para aprender, inspirarse, avanzar e conectar. Pero, sobre todo, para que cada unha de vós se leve algo consigo. Alza Voz de Muller non é un evento pechado, é un foro que construímos e co-creamos entre todas”.
As profesionais
A primeira xornada continuou con dúas mesas diálogo, a primeira sobre o liderado feminino emprendedor, na que participaron Carmen Lence, presidenta do Grupo Lence; María Couto, CEO de XEAL; e Carlota Corzo, cofundadora e previa CEO de Lazzaro; e a segunda sobre emprender desde o rural, protagonizada por Rosa Arcos, secretaria xeral e directora de proxectos Fademur; Paula Pose, xerente de Agrosoneira; Mar Barreiro, xerende de Reneymar; e Inés Silva, fundadora de ISlow Coliving.
Espectacular estivo Rosa Arcos, que leva unha década falando da importancia do emprendemento feminino no rural por todo o país. Barreiro deixou claro que "o teito é o que ti te poñas", e Pose apelou á rede para chegar a verdadeira conciliación. "O que as mulleres queremos é esa verdadeira concilialición co noso ser, coa nosa vida laboral, familiar,… E temos que tecer redes para camiñar cara iso".
Irma Macías e Luís Pinto foron os encargados de pechar este primeiro día cunha actuación musical no Castelo de Vimianzo, que acolleu un cóctel de conexión que serviu como punto de encontro para coñecernos, conectar e celebrar.
Sábado completo
O foro continúa mañá, sábado sete de xuño, con novas mesas de debate, relatorios de referentes a nivel nacional e actividades culturais.