Luns. 29.04.2024
El tiempo

Vimianzo leva un novo programa de alimentación saudable a todas as parroquias do concello

Vimianzo ofrece apoio nutricional
Vimianzo leva un novo programa de alimentación saudable a todas as parroquias do concello

O Concello de Vimianzo presentou esta semana un novidoso programa de apoio á nutrición organizado conxuntamente entre o Concello e o Centro de Saúde vimiancés. Esta iniciativa pon o foco en cuestións de alimentación saudable e, para chegar ao maior número de veciños e veciñas posible, percorrerá as 14 parroquias do municipio.

Na presentación estiveron, por parte do Concello, a alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Benestar Social, Sanidade, Igualdade e Atención Cidadá, María José Pose; e o técnico municipal Víctor Santos; mentres que por parte do Centro de Saúde de Vimianzo asistiron a camellá Digna Rod., a xefa de servizo de Atención Primaria de Vimianzo, Teresa Castro; e a nutricionista da Unidade e Apoio Nutricional do Centro de Saúde de Vimianzo, Rocío Sánchez. Esta última será a encargada de impartir as charlas polas parroquias do concello.

Na programación deste proxecto inclúense temas como a o concepto de alimentación saudable, a proporción e variedade de nutrientes que debe levar un bo prato, a frecuencia coas que cada persoa debe comer en función das súas necesidades ou a importancia doutros factores máis alá a alimentación, como o exercicio físico, o descanso ou unha boa hidratación.

Para facer as charlas máis didácticas, responderanse as dúbidas máis frecuentes respecto da alimentación saudable, como por exemplo, se é necesario facer cinco comidas diarias, se é certo que o almorzo é a comida máis importante do día ou se é malo cear. Ademais, darase resposta ás cuestións particulares dos e das participantes.Dende o Concello e o Centro de Saúde son conscientes das dificultades dalgúns veciños e veciñas para desprazarse. Deste xeito levarán o programa ás 14 parroquias que conforman o municipio de Vimianzo. O calendario é o seguinte:

• Cambeda. 23 de febreiro. De 10:00 a 11:00 horas na escola.

• Berdoias. 23 de febreiro. De 11:30 a 12:30 horas na escola.

• Castrelo. 1 de marzo. De 10:00 a 11:00 horas na escola.

• Baíñas. 1 de marzo. De 11:30 a 12:30 horas no centro cultural.

• Serramo. 15 de marzo. De 10:00 a 11:00 horas no local veciñal.

• Treos. 15 de marzo. De 11:30 a 12:30 horas na escola.

• Tines. 22 de marzo. De 10:00 a 11:00 horas na escola.

• Bamiro. 22 de marzo. De 11:30 a 12:30 horas na escola.

• Salto. 5 de abril. De 10:00 a 11:00 horas no salón parroquial de Castromil.

• Vimianzo. 5 de abril. De 11:30 a 12:30 horas na sala de conferencias da Casa da Cultura.

• Calo. 12 de abril. De 10:00 a 11:00 horas na escola da Pasarela.

• Carantoña. 12 de abril. De 11:30 a 12:30 horas na escola.

• Cereixo. 19 de abril. De 10:00 a 11:00 horas na escola do Vilar.

• Carnés. 19 de abril. De 11:30 a 12:30 horas no centro cultural.

A concelleira de Benestar Social, Sanidade, Igualdade e Atención Cidadá, María José Pose, destacou a “constante aposta do Concello de Vimianzo por mellorar a calidade de vida da veciñanza”. Subliñou que o obxectivo destas charlas é “que todos e todas saibamos como alimentarnos de forma correcta, ofrecendo un asesoramento profesional e gratuíto para chegar á maior cantidade de persoas posible. E precisamente por iso facemos que este programa sexa itinerante, para que calquera que queira asistir poida facelo na súa parroquia”.

Pola súa banda, a nutricionista da Unidade e Apoio Nutricional do Centro de Saúde de Vimianzo, Rocío Sánchez, encargada de impartir estes obradoiros, fixo un chamamento á veciñanza para que participen destas charlas. Sánchez pensa que “nelas poden atopar ferramentas moi útiles e sinxelas que axudarán a manter unha alimentación saudable e coidada”.

Comentarios