Sábado. 19.09.2020
El tiempo

Vimianzo parou a lembrar a resistencia en tempos da ditadura

Vimianzo parou a lembrar a resistencia en tempos da ditadura

Xunto a placa que o colectivo "Adiante Soneira" de Vimianzo colocou no ano 1996 nun emotivo acto de homenaxe “a todos os que perderon a súa vida pola liberdade” o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, lembraba o pasado sábado, día 14 de abril, aquel acto do 96 no que se fixo o primeiro recoñecemento público en Vimianzo á corporación municipal de 1936. Un recoñecemento que se reiterou novamente o pasado mes de xullo na homenaxe ao secretario municipal asasinado por defender ideas de liberdade e que este sábado volveu a estar presente na memoria dos vimianceses coa homenaxe “aos que loitaron pola liberdade”.
O alcalde de Vimianzo realizou a ofrenda floral ao son da gaiteiros interpretando o Himno do Antigo Reino de Galicia, ante as persoas que se achegaron ao castelo, entre os que se atopaban os membros da corporación municipal Mª Xosé Ramos e Antonio Miñones, representantes da Asociación da Memoria Histórica da Coruña e veciños e veciñas de Vimianzo.

Tempo para a reflexión

Logo da ofrenda floral os presentes desprazáronse ao auditorio da Casa da Cultura onde tivo lugar a charla coloquio “A resistencia á ditadura nos primeiros anos da posguerra en Vimianzo e na comarca” a cargo do investigador da memoria histórica, Fernando Vidal, oriúndo de Corme. Estaba prevista a presenza de Luis Lamela para esta charla, quen finalmente non puido acudir por motivos familiares, mais transmitiu desde o primeiro momento da organización do acto o seu interese e colaboración. Fernando Vidal centrou a súa intervención na organización da guerrilla e achegou numerosos datos e nomes sobre a historia de Vimianzo nunha interesante conferencia, que rematou cun, se cabe, máis interesante coloquio no que as persoas que se atopaban entre o público compartiron as súas lembranzas con experiencias vividas ou transmitidas polos seus familiares.

Un acto que serviu para homenaxear aos que loitaron pola liberdade pero tamén para aprender sobre nós mesmos, sobre a nosa historia, unha historia que estará sempre presente na memoria de Vimianzo.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Vimianzo.

comentarios