Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Vimianzo presenta un completo programa cultural de outono

Vimianzo presenta un completo programa cultural de outono

O concello de Vimianzo inaugura o próximo domingo a programación cultural de outono do auditorio da Casa da Cultura. Comezará o mes de outubro con espectáculos teatrais da man das compañías Teatro de Cámara Ditea, O Aturuxo de Melpómene, Talía Teatro e Teatro do Atlántico.

Rematará o mes de outubro co I Encontro de Corais da Terra de Soneira, na que participarán corais dos tres concellos que conforman esta comarca. Este encontro de corais levaranos a introducirnos no mes de novembro, o mes da música, no que contaremos cos espectáculos musicais do Dúo Rosas e Duende Sico, e o sábado 19 (día de reflexión electoral) haberá un Concerto de músicos de Vimianzo, no que participarán grupos ou músicos individuais do noso concello. No mes de decembro a programación cultural ten unha orientación preferentemente infantil contando coas compañías Os sete magníficos+1, Os confetti brothers e Candelexas.

Con este cartel pechan a programación do outono, con espectáculos variados e para todos os públicos, para dar paso á programación de Nadal.

Exposición

A programación do auditorio da Casa da Cultura complementa unha ampla programación cultural da que forma parte tamén a exposición do pintor Antón Mouzo, que se poderá visitar ata o día 16 de decembro na Sala de Exposicións que leva o seu nome. Esta exposición conta cunha progración propia que se iniciou coa charla recital de Manolo Rivas e o cantautor Carlos Morán e continuará no mes de outubro con visitas guiadas para os centros de ensino e as asociacións culturais e veciñasi do concello. Outra das iniciativas que se lle ofrecerán este outono aos centros educativos e ás asociacións será o Programa de difusión social do Castro das Barreiras, que contará con charlas e visitas guiadas da man do arqueólogo Tito Concheiro.

Ademais disto poñeranse en marcha as escolas culturais do concello, que se desenvolverán con continuidade entre os meses de novembro e maio, e os obradoiros culturais que terán unha duración de catro meses.

Máis información

Fonte

  • Nota de prensa do Concello de Vimianzo.

Comentarios