luns. 19.05.2025
El tiempo

Vimianzo ten no Xeriátrico o seu Centro de Día

Vimianzo ten no Xeriátrico o seu Centro de Día
Xeriátrico Vimianzo

O Alcalde de Vimianzo asinou un convenio de colaboración con Geriatros SAU para a utilización das prazas de atención diurna na residencia de maiores de Vimianzo, tal como se acordara cando o concello cedeu os terreos para a construción da residencia de maiores. Deste xeito, o Concello ofrece o servizo de Centro de Día no Xeriátrico, o que supón un gran aforro para o concello e o aproveitamento dunhas instalacións axeitadamente equipadas ás que non se lles daba uso.

O convenio que se vén de asinar permítelle ao Concello seguir ofrecendo o servizo de atención diurna aos veciños e veciñas e eliminar este gasto das arcas municipais, xa que será Geriatros quen asuma a xestión do servizo sen ter o concello que realizar ningunha achega económica, mais garantindo que a empresa acepte os usuarios e usuarias que determine o concello sempre e cando cumpra os requisitos establecidos. Ao mesmo tempo tamén os propios usuarios resultan beneficiados con este convenio, xa que se lles reduce a cantidade que deben aboar para poder desfrutar do servizo.

O Concello leva prestando o servizo de centro de día desde o ano 2006, supoñendo para as arcas municipais un gasto total de 120.754,67€ e tendo ao longo destes 9 anos un total de 37 usuarios. No ano 2006 supuxo un gasto de 4.491,15€, tendo tan só un usuario; ao ano seguinte o gasto foi de 4.642,73€, con 6 usuarios; no 2008 o gasto ascendeu a 50.113,91€ sendo 4 os usuarios do servizo; 8.539,56€ no 2009 mantendo os 4 usuarios; en 2010 foron 2.781€ e 3 os usuarios; 4.011,03€ no 2011 con 6 usuarios; no 2012 11.795€ con 6 usuarios; 5 usuarios no 2013 e un gasto de 18.343,67€; e no 2014 un só usuario e un gasto de 8.036€.

Fonte

  • Concello de Vimianzo.

Comentarios