martes. 18.03.2025
El tiempo

Vimianzo volve encher o auditorio cunha programación cultural continua para os vindeiros 4 meses

  • Con carácter xeral, as funcións terán lugar os sábados, ás 20:30 horas, no Auditorio. As entradas poderán adquirirse a través de www.woutick.es ou na Casa da Cultura
PRESENTACIÓN PROGRAMACIÓN CULTURAL Concello Vimianzo
Na presentación participaron a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, e a técnica municipal desta área, Nieves Lema.
Vimianzo volve encher o auditorio cunha programación cultural continua para os vindeiros 4 meses

Cantas veces falamos da importancia de xerar hábitos entre a veciñanza e conseguir que saiban que tal día hai evento para encher así as nosas infraestrururas culturas.

O Concello de Vimianzo é dos que mellor traballan esa liña, e así o volve demostra coa nova programación cultural para os meses de febreiro, marzo, abril e maio, consolidando o Auditorio como un espazo de referencia para as artes escénicas. 
 

A concelleira de Cultura, Rosa Blanco, mostrou o “orgullo que supón contar, un ano máis, cunha programación cultural deste nivel. Trátase dunha serie de espectáculos moi completa que reafirma o compromiso e a aposta do Concello de Vimianzo pola cultura, un piar fundamental na sociedade. Estamos encantados de poder ofrecer unha programación dun gran nivel, moi diversa e accesible para todos os públicos”.

Pola súa parte, a rexedora, Mónica Rodríguez, destacou que “o Auditorio de Vimianzo consolidouse como unha residencia artística para as compañías, sendo un lugar idóneo para aquelas que queiran recollerse arredor dun produto. Estamos encantados de poder ver como traballan, como evolucionan e como medran estes artistas”. 
Ademais, quixo agradecer “a colaboración do Ministerio de Igualdade, de Agadic, do Centro Dramático Galego e da Deputación da Coruña para poder presumir cada ano dunha programación excelente e establecer o Auditorio coma un punto de referencia cultural na comarca”.

O programa

En xeral, a veciñanza sabe que os sábados ás 20:30h hai lío na Casa da Cultura, pero hai excepcións.

A compañía Amorodo Teatro será a encargada de inaugurar a programación este venres, 14 de febreiro, ás 11:00 horas, co seu espectáculo ‘A Nai’. Estará dispoñible para o alumnado do IES Terra de Soneira.

O sábado 22 será a quenda de aAntena, que durante estes meses fixo a súa residencia artística na localidade. Durante este tempo estivo preparando o seu espectáculo ‘Sol Fuerza’, que presentará oficialmente ao público nesta xornada.

No mes de marzo, o Concello súmase á conmemoración do Día Internacional da Muller e ofrecerá diversas propostas relacionadas con esta temática. O venres, día 7, o Auditorio acollerá o ciclo ‘Mujeres de cine’, financiado polo Ministerio de Igualdade. Ás 20:00 horas terá lugar a proxección de ‘Secaderos’, de Rocío Mesa.

O sábado, 8 de marzo, Tarabela Creativa presentará o seu espectáculo ‘Boa sorte, mala fama’, unha traxicomedia sobre o fenómeno da emigración, tan arraigado á historia galega e, por suposto, tamén á vimiancesa. Nesta ocasión recollen a historia de vida e o sacrificio  de dúas veciñas de Vimianzo, Paquita Pazos e Caridad Albela.

A programación continúa o sábado 15, con ‘Un deus salvaxe’, de Talía Teatro. Unha comedia na que se exploran temas como a hipocrisía, a intolerancia e a soberbia na sociedade.

O sábado 22 de marzo, a compañía Os Náufragos Teatro convidará ao público a reflexionar con ‘Noso’, unha dramedia familiar que fala do noso desde o rural deshabitado.

Ainé Producións será a compañía encargada de pechar o mes de marzo co seu espectáculo ‘Continente María’,  un canto á vida e ao teatro a través do diálogo coa figura de María Casares.

Xa en abril, o sábado 5, a compañía Ibuprofeno Teatro representará ‘Reconversión’, que supón todo un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión no sector naval na ría de Vigo.

O sábado 12 de abril a compañía Morraoconto presentará ‘Tromsø’, unha reflexión en clave de humor desde a perda. A seguinte actuación será ‘O parvo’, do grupo de teatro Badius.

O 3 de maio o colectivo RPM de danza contemporánea estrará a súa Residencia Paraíso e, por último, o Centro Dramático Galego presentará en Vimianzo ‘Manuela Rey is in da house’ o día 10.

Compra de entradas

A entrada dos espectáculos ‘Sol Fuerza’, ‘Boa sorte, mala fama’, ‘Un Deus salvaxe’, ‘Noso’, ‘Continente María’, ‘Reconversión’, ‘Trimsø’, ‘O parvo’ e ‘Manuela Rey is in da house’ terá un prezo de 5 euros. A entrada reducida para maiores de 65 anos e estudantes custará 2,50 euros.

Os pases poderán comprarse de maneira anticipada a través da plataforma www.woutick.es ou de maneira presencial na Casa da Cultura, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas. O propio día da función tamén se poderán mercar no despacho de billetes desde unha hora antes do inicio da actuación.

Os espectáculos ‘A nai’, ‘Secadero’ e as ‘Residencia Paraíso’ serán de balde.

Programa VImianzo Cultura 2025

Máis novas

Comentarios