O Auditorio de Vimianzo consolídase como Residencia Artística dando acubillo á compañía de aAntena

Segue cobrando vida a obra “Sol Fuerza”, da compañía costeira aAntena. Segue xestándose ademais no Auditorio de Vimianzo, consolidado este ano como Residencia Artística. O Concello está compartindo dende finais de xaneiro o auditorio coa compañía, un lugar ideal para traballar, experimentar e acabar de definir a obra.
E como non podía ser doutro xeito, antes de espallarse por toda Galicia, a estrea terá lugar o próximo 22 de febreiro no mesmo auditorio vimiancés, habendo o día previo unha preestrea dirixida ao alumnado do IES Terra de Soneira, co que se pretende achegar o teatro ás novas xeracións.
Un elenco soñado
A obra está protagonizada por Manu Fernández, Virxinia Bermúdez e Lucía Veiga, quen está nomeada aos premios Goya 2025 na categoría de Mellor actriz revelación polo seu papel en ‘Soy Nevenka’, o que engade un gran atractivo á produción.
Dirixida por Xosé Leis e coa dramaturxia do camariñán Bernardino Martínez, a obra conta co control do espazo sonoro de Klaus Martínez, a escenografía de Violeta Martínez , o Vestiario de Noemi Toba (eNe de Toba) e os visuais da bergantiñá Montse Mira.
‘Sol Fuerza’, entre a mentira e a verdade
‘Sol Fuerza’ transpórtanos aos anos 90, cando Heliodoro Vicente soñaba cun futuro brillante, no que a enerxía do sol substituía o petróleo. Mais a sorte é caprichosa e cando non chove, o toxo prende lume, apagando o soño antes de comezar.
Pero a historia non comeza aí, xa que nos anos 50 un home chamado Filek recorreu España vendendo auga do río coma se fora petróleo, chegando incluso a enganar a Franco. Mentres, nas aldeas, continuaban esperando un milagre.
Xa no presente, entre muíños de vento, placas solares e promesas ecolóxicas, a compañía deixa caer unha pregunta ante o público: progreso ou colonización? A historia repítese, as respostas complícanse e eles continúan preguntando: é isto o futuro ou unha mentira ben contada?
Diferentes dúbidas que farán reflexionar ao público no que a propia compañía define coma un soño teatral no que se mestura verdade, mentira e moita identidade galega.