![parroquia-o-allo-concello-zas]()
Na páxina web do Concello de Zas pódese atopar información detallada sobre cada unha das súas parroquias
Xa están chegando ao seu fin as entregas que fai todos os meses o concello de Zas dentro do
programa "Zas polo miúdo", unha iniciativa que consiste en colgar na rede información detallada sobre todas e cada unha das parroquias que integran o municipio. Nesta ocasión, é o turno da freguesía de O Allo que, debido á súa riqueza artística e monumental, houbo que dividir a información en dúas partes (a 2ª parte colgarase na web municipal o próximo mes).
Nesta primeira parte expóñense os principais datos acerca da súa xeografía, toponimia e a historia do primeiro pazo de Galicia: as Torres do Allo. Como nos casos anteriores, a documentación está e elaborada por Evaristo Domínguez Rial e Xosé Manuel Lema e información pode consultarse na
páxina web municipal (www.concellodezas.org).
A parroquia de San Pedro de O Allo está formada polos lugares de O Allo, Casas Novas, A Cebola de Abaixo, A Cebola de Arriba, Os Muíños, Muriño, O Pombal, Regalado, Xerne e O Regueiro do Allo – recentemente habitado – que suman en total unha extensión de sete quilómetros cadrados situados no punto máis o norte do concello de Zas. En canto á súa demografía, a parroquia de Allo sempre tivo poucos habitantes pero tamén é a única freguesía de todo o concello que non perdeu poboación dende o ano 2000; incluso medrou nun 3,03%. A 1 de xaneiro de 2017 contabilizábase un total de 158 habitantes, un dato que dista moito dos 3 veciños que se pensa que había no ano 1607.
Durante os anos 1820 e 1823 O Allo foi concello e xunto cos concellos de Zas e Muíño pertencía ó partido xudicial de Vimianzo e á provincia única de Galicia; unha condición que perdeu co restablecemento do absolutismo e a volta ó Antigo Réxime. Nesta primeira entrega, os autores falan sobre a orixe do topónimo que, tal e como sinalan, hai catro teorías diferentes.
As Torres do Allo
![visita-teatralizada-torres-do-allo]()
Durante a tempada alta, o pazo das Torres do Allo ofrece visitas guiadas teatralizadas
As Torres do Allo, considerado como o primeiro pazo galego, ubícanse nesta parroquia. Neste capítulo de “Zas polo Miúdo”, os autores fan un repaso sobre distintos aspectos deste monumento que hoxe é parada obrigada dentro do xeodestino Costa da Morte. O edificio e os terreos circundantes son propiedade da Deputación da Coruña desde o 1998. Tras un convenio co ente provincial, o Concello de Zas – a través da súa concellería de Cultura – é o encargado da xestión de vistantes.
Mes a mes, as cifras van en aumento grazas, en parte, ao programa de actividades paralelas entre as que se enmarca unha visita teatralizada que ten moito éxito entre os visitantes. E co propósito de serguir medrando, o concello poñerá en marcha no próximo mes de maio un
programa dirixido a centros educativos con distintas unidades didácticas.
No próximo mes de maio está previsto subir a segunda parte da parroquia de O Allo á web municipal na que se ampliará información sobre a igrexa parroquial de San Pedro de O Allo, os escudos das Torres e da Igrexa, documentación histórica, persoeiros relevantes, os bens patrimoniais da parroquias así como outros elementos singulares tales como o souto, a fonte,
o cemiterio, os muíños, etc.
Máis información
Novas relacionadas
Máis novas
Fonte