Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A SEMESCOM e a Coral Xan Mella fúndense en 3 libros

A SEMESCOM e a Coral Xan Mella fúndense en 3 libros

Este venres 4 de novembro a AMC Pepe Valiña-Coral Xan Mella presentará ás 21:00 horas no Auditorio do Pavillón en Baio tres publicación editadas polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM) coa colaboración da Deputación de A Coruña.
Son 3 libros feitos na casa, da man de Xosé María Lema Suárez, Xosé María Rei Lema, C.F. Concheiro e mais Eva López Añón. A publicación destas obras foi posible grazas ó proxecto ‘Percorrendo Vieiros da Costa da Morte’, aprobado pola Deputación da Coruña.

Ademais dos autores intervirán no acto as escritoras concha Blanco e María Canosa.

Sinopse de "O hórreo atlántico ou fisterrán. Cabazos e cabaceiras da Costa da Morte e Barbanza (Galicia)"

No territorio máis occidental de Galicia desenvolveuse unha tipoloxía común do noso hórreo -a que denominamos hórreo atlántico ou fisterrán-, caracterizado por unha cámara rectangular construída toda en pedra coas físgoas de ventilacións (aires ou ventos) dispostas en sentido horizontal e sostida por columnas (pés) cubertas con cadansúa capa ou tornarratos. Os nomes máis espallados son os de cabazo e cabaceira –maiormente con seseo-, de aí a segunda parte do título.

As súas formas arquitectónicas definitorias xa estaban desenvolvidas no séc. XVIII. O hórreo atlántico ou fisterrán espállase non só pola Costa da Morte, senón tamén pola península de Barbanza (arredor duns 3.000 km2): comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira, Xallas, Muros, Noia etc.

Trátase dunha guía ou libro de divulgación que empeza cunhas breves notas sobre os hórreos galegos, nas que se salienta a súa condición de construción adxectiva rural con verdadeira vontade artística. Analízanse –acompañándose de fotos e debuxos- as partes do hórreo: a cámara e os soportes (tipos de pés e capas ou tornarratos, que son os elementos máis diferenciais). Coa axuda gráfica de mapas establécese a área de expansión dos hórreo pétreo atlántico, de Malpica á ría de Arousa (concello de Rianxo), cunha aproximación á súa fronteira coa hórreos mixtos (madeira-pedra). Tamén se establece a fronteira entre os hórreos sustentados por pés e capas e os que van sobre celeiro ou muretes. Son particularmente interesantes as zonas de transición, con curiosos exemplares híbridos.

Na tipoloxía común do hórreo atlántico cómpre distinguir entre hórreos vellos e novos. Os hórreos vellos son os exemplares máis rústicos, e pódese dicir que son semellantes en todo o territorio: cámaras construídas con cachotes irregulares de pedra e pés e capas ó natural, sen labrar. Dedícaselles unha páxina enteira a eles, con fotos de exemplares moi arcaicos (A Bouza-Berdoias; Beba-Mazaricos etc.). Nos hórreos novos é onde se acada a tipoloxía común, de trazas xa máis xeométricas, pero iso non quere dicir que sexa igual en todas partes, de aí que distingamos variantes e subvariantes comarcais segundo, sobre todo, as formas dos seus soportes. Perfilamos unhas sete ou oito variantes, e, algunha delas (as do Arco Fisterrán en concreto), con catro subvariantes).

Neste territorio máis occidental imos atopar non só os exemplares máis longos de Galicia, senón tamén os máis monumentais e artísticos. Dos 14 exemplares máis longos de Galicia, 9 pertencen a esta zona, ocupando os parroquiais do Araño (Rianxo), Lira e Santa Comba de Carnota os primeiros lugares. Entre os monumentais, este de Carnota é o que ocupa o primeiro lugar (“a catedral dos hórreos galegos”), pero tamén outros non quedan moi atrás: os reitorais de Lira (Carnota) e Ozón (Muxía), o de Viturro (Rianxo), e tamén os de Xuño (Porto do Son), Castiñeira (Cambeda-Vimianzo) etc. Os cabazos da aldea de Campos (Touriñán) os máis occidentais de Galicia, e, sen dúbida, tamén de Europa.

A guía, de 64 páxinas, conta con abundante material gráfico (125 fotos, uns 15 mapas e debuxos). Remata cun mapa xeral onde se localizan algúns dos hórreos ou conxuntos de hórreos que merecen unha visita.

  • Xosé Mª Lema Suárez (texto e fotos).
  • Carlos Fernández Concheiro (mapas e debuxos).

"Textos literarios sobre a Costa da Morte"

>Case 300 anos de textos literarios dedicados á Costa da Morte, do ano 1728 ó 2010, compoñen a base desta publicación. Poesía, narrativa e teatro en diferentes linguas (galego, castelán, portugués, inglés, italiano), textos que falan desta terra, que como ben dixo Xelucho Abella ten uns límites emocionais máis que físicos, pero que nós consideramos a partir da súa habitual configuración (comarcas de Nemancos, Terra de Soneira e os catro concellos do oeste de Bergantiños). A distribución dos textos é cronolóxica, e dentro das entradas do mesmo ano distribuímolas seguindo unha orde alfabética dos seus autores.

Compoñen o corpus desta obra 156 entradas, que se corresponden con 167 textos de 130 autores. Desas 156 entradas, 95 son textos poéticos, 60 son narrativos e 1 é dramático; do mesmo xeito, 129 están escritos en galego, 18 en castelán, 6 en portugués, 2 en inglés e 1 en italiano. Como en toda antoloxía a escolla ten moito de subxectiva, pero consideramos que neste corpus aparece ben representado todo o territorio da Costa da Morte, e nel ofrécese un amplo percorrido pola literatura dos tres últimos séculos, considerando dende a escrita máis culta ata a popular.

O lector poderá atopar aquí a visión que 130 escritores teñen sobre a Costa da Morte, ou polo menos dalgún anaquiño desta terra, tanto de autores nativos ela coma de forasteiros que a coñeceron e souberon apreciar, como espero que aprecie o lector esta recolleita. Moitos deles coñecidos e outros non tanto: Antonio de Rioboo e Seixas, Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Eduardo Pondal, Enrique Labarta Pose, Evaristo Martelo Paumán del Nero, Gonzalo López Abente, Ramón Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Antón Avilés de Taramancos, Antón Zapata, Teodoro Morgade, Xosé Collazo, Xohana Torres, Úrsula Heinze, José Ángel Valente, Hans Christian Andersen, Xavier Seoane, Nélida Piñón, Manuel Rivas, Víctor F. Freixanes, Manuel María, Darío Xohán Cabana, Juan Antonio Posse, Xosé Luís Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, Francisco F. Naval, Rivadulla Corcón, César Antonio Molina, Miro e Rafa Villar, Pepe Carballude, Marilar Aleixandre, Suso de Toro, Camilo José Cela, Concha Blanco, María Canosa, Xurxo Borrazás, Móñica Góñez, Inma López Silva, Ramiro Fonte, Cesáreo Sánchez, Estevo Creus, María Lado, Alexandre Nerium, Alejandro Finisterre, Fernando Cabeza Quiles, Alberto Lema, Rosa Villada, Modesto Fraga, Luís Lamela, Alois Jirásek, Gerardo Diego, George Borrow etc. etc.

  • Autor: Xosé Mª Rei Lema.

"Iconografía xacobea nas igrexas e santuarios da Costa da Morte"

Aínda que Santiago non era santo de especial devoción neste territorio fisterrán, é evidente que o seu culto na catedral compostelá ó longo dos séculos fixo que nos arciprestados da diocese se fose introducindo a súa devoción en diversas parroquias.
Neste territorio rexistramos sete modelos iconográficos dos nove xerais existentes. Isto danos idea dunha riqueza iconográfica que dificilmente se observa noutras zonas.

As modalidades máis frecuentes son as tradicionais: na do peregrino contabilizamos 17 imaxes, na do cabaleiro 9, aínda que convén lembrar que nestas últimas o Apóstolo leva as vestiduras da peregrinaxe. Observamos certa tendencia de que haxa cadansúa imaxe para cada unha das modalidades máis comúns nas igrexas onde o Apóstolo exerce o padroado: xeralmente tende a ser procesional o cabaleiro –quizais porque dá máis xogo teatral-, pero non sempre se cumpre isto. Nas imaxes de pedra das fachadas dos templos triúnfa o peregrino, quizais polo dificultade que entraña a talla do ecuestre.

Tamén chama a atención a existencia de dous Santiagos sedentes, a imaxe e semellanza coa escultura do altar maior da catedral de Santiago.
É importante salientar o que é practicamente un únicum: que nesta zona se conserva a segunda representación máis antiga do tema da translatio: a translación do corpo do Apóstolo en barca (e a primeira en pedra): o relevo do tímpano da porta sur da igrexa de Cereixo. Xa abondaría con esta obra para salientar a importancia destas comarcas occidentais nos estudos iconográficos xacobeos.

Finalmente, salientar tamén a existencia dun modelo iconográfico senlleiro: o do Santiago orante ante a Virxe da Barca, creado aquí a partir da vella lenda da barca de pedra. Unha iconografía moi semellante á do Pilar de Zaragoza; queda por saber cal foi a primeira.

  • Autores: Xosé Mª Lema Suárez e Eva López Añón.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da ACM Pepe Valiña.

Comentarios