As familias de Zas concentraranse en contra dos recortes no servizo de pediatría


Despois de presentar máis de un milleiro de sinaturas (o 20% da poboación de Zas), a plataforma veciñal de afectados polos recortes no servizo de pediatría no Centro de Saúde de Zas continúan a súa loita por recuperar un servizo público básico de calidade.
A seguinte acción será unha concentración o próximo 20 de outubro concentraranse diante dos Centros de Saúde de Baio e de Zas, ás 17:00 e as 18:00 horas respectivamente. Será baixo unhas pancartas que levará o lema “Zas sen recortes en pediatría”, pancartas que ademais xa colocarán en puntos estratéxicos do municipio para denunciar a redución de horas que sofren no servizo de pediatría dende o pasado mes de xuño.
Cómpre lembrar que dende entón, o especialista en medicina infantil presta asistencia en días alternos nos Centros de Saúde de Zas e Baio entre as 12:00 e as 15:00 horas cando ata ese momento o facía de 08:00 a 15:00 horas.
Os pais e nais afectados non aceptan que o Sergas manteña o recorte argumentando que “só hai 330 cartiñas no concello”. De aí que continúen coas mobilizacións, e animan a toda a vila a participar. “Pretendemos que nas concentracións participen o maior número de veciños e veciñas, teñan ou non fillos e fillas en idade pediátrica, para entre todos esixir que non cesen os recortes no rural e que se blinden os nosos servizos”.