Venres. 19.04.2024
El tiempo

Baio, máis cerca dun PXOM que leva 8 anos paralizado

Baio, máis cerca dun PXOM que leva 8 anos paralizado

Infórmanos hoxe a Asociación de Veciños Tabeirón de Baio das últimas novidades no tocante ó novo Plan Xeral de Ordenación Urbanística (PXOM) do Concello de Zas. Segundo sinalan dende Baio, o alcalde de Zas, Manuel Muíño, “porá en marcha os procedementos necesarios para realizar o plan urbanístico, que leva oito anos paralizado”.
Aseguran que o “concello comprometeuse nunha reunión cos propietarios das parcelas a que antes de tres meses haberá unha empresa adxudicada estudando os terreos”.

A entidade veciñal ven de insistir na “importancia que ten para o crecemento da vila a ordenación duns terreos arestora rústicos na periferia da Carballeira”.

Foron máis de dous tercios dos 65 veciños propietarios das parcelas afectadas os que asistiron á reunión. Donos que terán que ceder unha parte dos seus terreos pero que ven revalorizado o terreo que lles queda ao convertirse en solo urbano.

O PXOM, o sino de Tabeirón dende hai 50 anos

A consecución desde proxecto é o grande obxectivo de Tabeirón desde a súa fundación hai case medio século, “o futuro do pobo”, consideran, “está ligado a este plan urbanístico”.
I é que o ordenamento das parcelas permitiría dispoñer de espazo urbanizable para novas vivendas, unha praza pública de aproximadamente 5.000 m², un campo da feira, máis de 600 prazas de aparcamento, campo para as festas, zonas verdes de recreo, ou mesmo espazo dispoñible para asentar o centro médico ou outras dotacións de interese público.
O novo plan permitiría abrir novas rúas ampliando a zona comercial con aparcamentos novos. A riqueza natural do Río Grande pasaría a ser un atractivo máis accesible para a veciñanza pola proximidade cos novos espazos públicos.

Segundo recolle o PXOM de Zas, o solo afectado é de 70.395 m² dos que 21.280 quedarán como zona verde. O total dos custes ascende a 968.233 euros, que inclúe o acondicionamento do terreo, electrificación, alumeado, pavimentación, xardinería, gasificación, etc. O 20% do aproveitamento urbanizable estará destinado a vivendas sometidas a algún réxime de protección pública.

Sistema de actuación por cooperación

O planeamento por cooperación entre concello e propietarios implica que os terreos afectados son cedidos obrigatoriamente pero seguen en propiedade dos titulares, aínda que terán que asumir os custos da actuación baixo a dirección e control da administración.
O sistema de cooperación é unha forma de planeamento a medio camiño entre a compensación, onde a iniciativa é dos propietarios, e a expropiación, na que a administración pública ten todo o control. En calquera destas fórmulas, a administración ten que aprobar tódolos trámites e sempre será a titular do 10 por cento do aproveitamento dos terreos para usos públicos.
Para financiar os custes iniciais da urbanización, os propietarios contarán ca colaboración do concello de Zas. As aportacións de cada propietario serán proporcionais á valía dos terreos e ó seu aproveitamento. O concello poderá convir cos donos un aprazamento do pago dos gastos de urbanización en acordo co previsto na lexislación de facendas locais.

Fonte

  • Asociación de Veciños Tabeirón de Baio.

Comentarios