Baio únese para reclamar tras quedar 2 días sen internet
Que en pleno 2020 esteamos 2 días sen internet é algo que non se pode permitir. Así o sufriron a pasada semana os veciñ@s de Baio, que estiveron xoves e venres sen conexión de internet nin conexións nos móbiles. Casas, comercios, establecimentos hostaleiros, oficinas… Todo o empresariado baiés ficou illado nesta era na que internet é necesario para todo.
”Chegamos ás 9:00h e xa non funcionaba a rede, non se podía cobrar con tarxeta, e ademais os caixeiros non funcionaban…” explica Tatiana Rellán, da Parafarmacia Horizonte. ”Non é a primeira vez que pasa, ademais. En Agosto estivemos un día e medio sen conexión, con todo o que conleva. Non podemos facer nada nas tendas, pero tampouco os servizos, nin as persoas que teñen que teletraballar, nin os estudantes de universidade que comezan a formación.
Ao longo da semana os empresarios están presentando as súas reclamacións ante a empresa de telefonía Movistar (ou outros operadores), e dende a Actívate en Baio animan a todo os afectados realizar reclamacións que logo se poidan xestionar de xeito común.
Esta é unha nova demostración do difícil que é saírmos da fenda dixital con estas estruturas da comunicación tan precarias. “A nivel gubernamental e a nivel alcadías deberían estar loitando para que haia unha cobertura real no rural”, reclama Rellán.