O bosque vivo do IES de Baio

Deste xeito, cun teléfono móbil todo o mundo pode acceder a información máis detallada sobre cada unha das árbores e os seus usos xunto aos poemas que lles adicaron escritores galegos. Estas fichas, incluidas no blog “O bosque da Letras e da Música” foron realizadas o curso pasado por alumnado e profesorado do centro.
O proxecto vén de lonxe, e parte da idea de coidar. Cando se inagurou este centro só había tres carballos centenarios e un par de ameneiros. Ao longo destes 26 anos, alumnado e profesorado foron plantando as árbores autóctonas máis representativas de Galicia e hoxe contan con acivros, abeleiras, bidueiras, érbedos, aciñeiras, castiñeiros, tileiras, loureiros, buxos, nogueiras e cerdeiras, entre outras.
Este ano, por exemplo, realizaron novas plantacións de cerdeiras, castiñeiros, noqueiras e abeleiras nunha finca anexa ao centro e que lle puxeron o nome do blo. Deste xeito, cada alumn@ que pasa polo centro aprende a observar o medio natural, a coidar e valorar a biodiversidade, dende dentro.
Así lles acontece aos de 2º da ESO que este ano apadriñaron cada alumn@ unha árbore para coidala, e analizar o seu crecemento, durante os anos que estean no centro.
Educación Ambiental transversal
”Plantar, coidar, coñecer e protexer as especies autóctonas é un aspecto importante para a supervivencia da nosa especie. Ademais da súa propia beleza, as árbores axúdannos a diminuir a contaminación, dan sombra, protexen o solo e serven de acubillo para os paxaros e outros animais”, explica Carlos Concheiro, un dos mestres implicados. “Entendemos a educación ambiental como unha materia transversal e interdisciplinar que debe implicar a toda a comunidade educativa. Este proxecto é un exemplo do noso compromiso co rural, a terra, a cultura galega e o coidado do planeta”.
Concheiro remata cunhra frase do poeta Manuel María: “precisamos da lingua para poder vencer, máis tamén precisamos da natureza para poder vivir”.