Xoves. 25.04.2024
El tiempo

“Unha Carballeira para tod@s”

Presentacion da Festa da Carballeira de Zas 2022
“Unha Carballeira para tod@s”

Presentouse, 2 anos despois, na Estrella Galicia, a 37ª edición da Festa da Carballeira de Zas. Unha festa que estreará ademais a declaración de Festa de Interese Turístico Galego, outorgado en 2020. Un evento tremendamente esperado, que pon o foco na súa lonxevidade, como un dos festivais decanos de Galicia, e na importancia de recuperar unha festa quen inclúa a tod@s.

Así o recoñecía Fidel Otero, da organizadora Asociación Cultural Castro Meda. “Levamos dous anos sen facer unha edición máis recortada, pero quixemos esperar ata agora porque a nosa é unha festa para tod@s, maiores, pequenos, xente nova…” E tamén para xentes con capacidades diferentes, como o feito de colaborar na visibilidade da diversidade coa Asociación Aspaber, e de facer accesible un espazo singular como a Carballeira de Velar.

Xa non lle fai falta á organización fardar de anfiteatro natural, pois toda a península amante da música tradicional, celta e folk xa coñece o espectacular espazo que acolle o festival, e que un ano máis serve de reclamo para recibir a xentes de todo o mundo. “Xa teñen contactado a través das redes sociais xentes do País Vasco, Madrid, Andalucía, Cataluña…”, contaba Lupe Nieto, que leva, como Fidel, uns 35 anos detrás da organización deste “festival para tod@s, sostible e solidario”.

Antes, foi o alcalde de Zas, Lolo Muíño, o que daba a benvida, recolocaba o verdadeiro protagonismo na Asociación para manter a #Resistencia (ligando coa marca) dunha das grandes citas marcadas no verán da Costa da Morte. Unha cita, que por certo, cambia de data, para a segunda fin de semana de agosto (non a primeira coma sempre), para non coincidir con outros festivais.

Tamén falaron durante a rolda Loreno Rodríguez, responsable de medios ganados da Estrella Galicia, que valorou o carácter “icónico” e a vinculación cas raíces da festa; Xurxo Couto, deputado de Cultura e Deporte da Deputación, que lembrou que “a cultura é un dereito”, facendo similitude co fío provincial de axuda aos festivais, dando conta que “37 anos non se poden perder”; e Loli Fernández, xerente de Aspaber, que agradeceu a vibilidade social que ofrece a Carballeira ao unir “folclore e capacidades diferentes”.

Tamén houbo palabras de agradecemento ao deseñador zaseiro Miguel Riveiro, autor do cartel deste ano.

Xabier, como na casa

Protagonismo especial para Xabier Díaz, un dosgrandes nomes que traerá a Carballeira. E precisamente o horario, (tocará na sesión vermú do sábado) dá conta da intención da organización de facer un evento para todo o mundo. Foi el quen abriu a presentación con este tema:

Na súa quenda recoñeceu estar na casa doblemente, nesa cervexaría onde tanta “fonte da casa” ten bebido na súa mocidade; e en Zas, onde estivo coa Asociación Castro Meda dando clases de gaita durante moitos anos, e máis de 10 como espectador do festival.

Quixo parabenizar á Castro Meda, sobre todo por manter no tempo un evento coma este, e demostrou estar moi ilusionado por levar o seu proxecto coas Adufeiras de Salitre a un dos berces da música tradicional do país, no que lembra ter visto históricos como John Whelan ou Kepa Junquera.

Programa

Cartel Carballeira 2022 Zas

O venres 12 de agosto a partir das 22h os asistentes poderán desfrutar de grupos 100% galegos da man de A banda da loba, Heredeiros da Cruz e Mileth.
O sábado 13 comezará forte o día a partires das 12h, con diversión para os máis cativos da casa da man de Paco Nogueiras, que dará paso a sesión vermú con Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. A festa continuará ata a noite da con Os Farrapos, a tradicional Foliada e Arredores. A partir das 22 horas, Deira, Xisco Feijoó, Rura e Sondarúa, farán saltar e desfrutar ós miles de almas que se xuntan tradicionalmente no Velar de Zas dende fai 37 anos.

As entradas xa están a venda e pódese facer a compra anticipada no seguinte enlace: https://www.festadacarballeira.com/entradas/ , cun custo de 15€+gastos de xestión o bono para os dous días, e bono de día individual 8€+gastos de xestión. A venda online estará aberta ata o día 12 de agosto as 15:00h, a venda en taquilla será de 12€ entrada para un so día e 20€ bono para os dous días.

Sostibilidade

Un ano máis, a Carballeira terá vaso ecolóxico, celébrase grazas ó apoio de patrocinadores como a Xunta de Galicia, Xacobeo, Estrella Galicia, Deputación da Coruña, Concello de Zas, GADIS e vermú Lodeiros.

Novas relacionadas

 

Comentarios