Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Os centros de ensino de Zas espallan a regueifa e a improvisación por Europa

linealibera.info-GALIZIA CHIAMA PIAN DEGLI ONTANI BEATRICE RISPONDE copia
Os centros de ensino de Zas espallan a regueifa e a improvisación por Europa

Interesante proxecto de formación do profesorado no que están inmersos os IES Maximino Romero e CEIP Labarta Pose. O profesorado dos centros zaseiros forman parte xunto cos IES Marco de Camballón e IES do Milladoiro dun programa Erasmus+K1, coordinado polo Centro de Formación e Recursos (CFR) da Coruña. No programa “Europa de repente" participan tamén centros da Madeira (Portugal), de Florencia e Cerdeña (Italia), e Biarritz (Francia).

A pasada semana, levouse a cabo a segunda mobilidade do programa, na que se observou “in situ” o panorama actual da improvisación oral na Toscana. Realizáronse entrevistas con improvisadores vinculados á asociación Lottava Rima, cun centro de ensino da Toscana (Cutigliano) e mais no Centro Studi Beatrice di Pian degli Ontani (improvisadora e poeta do século XIX) da mesma localidade.

Ao igual que se fixo na primeira viaxe do mes de xaneiro á illa da Madeira, por parte dos catro docentes destes centros e mais do coordinador do CFR, nesta viaxe realizáronse tamén numerosas entrevistas e gravacións a persoas implicadas neste tema (músicos, investigadores, profesorado, improvisadoras e improvisadores, activistas culturais, alumnado...) para coñecermos improvisación tradicional nesta zona (ottava rima).
Alén diso o profesorado galego tivo oportunidade de participar en dous encontros ao vivo de poesía oral improvisada. Afondouse nesta modalidade literaria nun percurso polo roteiro de Beatrice, na montaña de Pistoia, referente da improvisación nos Apeninos.

Todo o material escrito e audiovisual realizado nestes encontros vai servir para a elaboración de material educativo e compoñer un documentario que visibilice cal é a situación actual do repentismo nos puntos anteriormente referenciados e que se expoñerán no final do proxecto para a comunidade educativa europea que teña interese neste tema.

Novas relacionadas

Comentarios