Cheo total na estrea de "A Casa da Luz"
07:15 02/02/16
Carlos Amil, director do filme, acudiu á presentación que tivo lugar o pasado sábado en Baio
Cheo. Así estaba o pasado sábado o centro sociocultural de Baio. O motivo era a estrea "mundial" da película "A Casa da Luz" que organizaron os alumnos e as alumnas da asignatura de Artes de Artes Escénicas e Xestión Cultural do IES Maximino Romero de Lema de Baio, impartida por Manolo Maseda.
Varios veciños e veciñas de Baio participaron na rodaxe que, en boa parte, se realizou na Carballeira da vila aló polo ano 2008 polo que a expectación era máxima no momento en que a cámara recollía os planos dos figurantes. "Ademais da máxica e extraordinaria Carballeira de Baio" do filme roudouse noutros puntos da comarca, como as Torres do Allo, o Castro de Borneiro e nuns invernadoiros situados en Treos - Vimianzo -. A parte máis "futurista" da película gravouse en Betanzos e nas minas de Meirama.
Á presentación asistiron o director do filme - Carlos Amil - e Xosé Xoán Cabanas Cao - produtor de Vimbio Filmes -. Os dous ofreceron un pequeno coloquio ao remate da proxección onde explicaron cuestións técnicas da rodaxe e os motivos polos cales a película nunca chegou a estrearse. "O remate da producción da película coincidiu co inicio da crise económica, a cal afectou gravemente ao noso sector", explicou Cabanas. Agora, oito anos despois, os productores buscan unha segunda oportunidade para este traballo que pasaría por proxectalo nos diferentes centros educativos ao tratarse dunha película dirixida ao público infantil.
"A Casa da Luz" é unha adaptación da novela do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil Xabier Docampo. Os protagonistas son seis rapaces que viven unha historia cargada de fantasía e de amizade.
Festival de Curtas
Durante a proxección, membros da asociación cultural Adro de Baio fixeron unha pequena presentación do festival de curtas que a entidade está a organizar xunto con varios mozos e mozas da vila. Con este evento, que terá lugar a finais de abril, conmemorarase a estrea de "Fouciño Sanguento", a primeira curta feita na Costa da Morte.