O Festival Falemos+Galego une á mocidade da Costa da Morte arredor da lingua e a identidade
A Praza Jorge Mira de Baio converteuse este xoves nun gran espazo de encontro, celebración e compromiso coa nosa lingua durante a terceira edición da gala Falemos + Galego, unha cita xa consolidada que reuniu arredor de mil mozos e mozas procedentes de 14 centros educativos de varios concellos da contorna. Unha cita necesaria, que colle a inercia do proxecto #Aquítaménsefala que nacía no IES Rafael Dieste da Coruña e que xa implica a 300 centros educativos, e que está conseguindo reverter a perigosa deriva lingüística do país.
A cita deixou imaxes para o recordo e confirma que o galego está máis vivo ca nunca grazas ao compromiso, á creatividade e ao entusiasmo do alumnado e do profesorado do país. "Un día fermoso, emocionante e inesquecible que reforza a importancia de seguir traballando xuntos pola nosa lingua. Porque falar galego é compartir identidade, cultura e futuro", resaltan dende o centro organizador, o IES Maximino Romero de Lema de Baio.
Nun ambiente extraordinario, cheo de ilusión, entusiasmo e convivencia, alumnado e profesorado compartiron unha mañá moi especial na defensa e promoción do galego. A xornada destacou pola elevada participación dos centros educativos e polo compromiso de toda a comunidade escolar, demostrando unha vez máis a forza e a vitalidade da nosa lingua entre as novas xeracións.
O acto, dirixido por Fran Hermida, contou tamén coa presenza de representantes de varios concellos da comarca, así como da Xefatura Territorial de Educación e da Secretaría de Política Lingüística, cuxo apoio institucional puxo de manifesto a importancia de iniciativas que promoven o uso e o prestixio do galego entre a mocidade.
O escenario encheuse de talento grazas ás actuacións do alumnado do IES Maximino Romero de Lema, IES Pedra da Aguia, CPI de Zas e CPI da Picota, que ofreceron actuacións cheas de creatividade, emoción e sentimento. Cada intervención foi recibida con grandes aplausos por un público entregado que gozou dunha mañá verdadeiramente memorable.
Os concursos
Durante a gala tamén se fixo entrega dos premios ao mellor logo (foi para Adriana Mouzo do IES Pedra da Aguia) e ao mellor vídeo do proxecto (foi para Alicia Castiñeira do IES Maximino Romero de Lema), recoñecendo así o esforzo, a imaxinación e o compromiso dos participantes coa promoción do galego.
A música nova, tamén en galego
Como broche de ouro a unha xornada magnífica, o público puido gozar da actuación de 9Louro, que puxo o punto final a unha celebración marcada pola alegría, a música e o orgullo de compartir lingua e cultura.
Desde a organización queremos expresar o noso máis sincero agradecemento á Consellería de Educación, á Deputación da Coruña, á Secretaría Xeral da Lingua e ao Concello de Zas pola súa colaboración, apoio e compromiso con esta iniciativa.

