Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Comezan a licitación das obras de mellora da praza da Taberna de Zas

Praza da taberna Zas-Mapa
Comezan a licitación das obras de mellora da praza da Taberna de Zas

A praza da Taberna é un punto de enlace entre as rúas Nogueira e da Taberna, e serve de enlace coa estrada AC-404, un dos accesos principais ao concello de Zas. Este ano, a zona vivirá unha remodelación completa, unha vez que o Concello de Zas vén de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público a licitación das obras de mellora de pavimentación da praza da Taberna, financiadas pola Deputación da Coruña a través do Plan Único. Os traballos contan cun orzamento de 88.896 euros.

As obras proxectadas consisten na substitución dos pavimentos actuais, de asfalto, ademais da eliminación da diferencia de cotas entre plataformas, de xeito que o ámbito de actuación quedará nun só nivel. Así, na zona destinada ao tráfico rodado empregarase formigón, mentres que a peonil será de lastras de granito, de xeito que ambas quedarán perfectamente definidas. Ademais, crearase unha zona de descanso, na que se instalará un banco.

Nos puntos de acceso haberá cambios de cota entre o pavimento vello e o novo para acadar unha redución de velocidade dos vehículos, de modo que, xunto coa colocación de novos sinais, se mellorará a seguridade viaria no entorno.

Coa execución desta actuación mellorarase unha zona moi transitada do municipio, facilitando os desprazamentos entre a veciñanza dun xeito máis seguro.

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o xoves 11 de abril.

Comentarios