Venres. 29.03.2024
El tiempo

Coñecendo polo miúdo a historia da parroquia de Zas

Coñecendo polo miúdo a historia da parroquia de Zas
Xa levamos varios meses comprobando como Evaristo Domínguez e Xosé Mª Lema recuperan os valores da parroquia de Zas a través da rede. Faino no marco do proxecto "Zas polo miúdo”, a través da páxina web do concello de Zas www.concellodezas.org. Quédanlles aínda por investigar sete das parroquias situadas máis ó norte de concello, pero hoxe coñecemos un pouco mellor a parroquia de Zas.

Zas, unha parroquia cun importante pasado histórico

Casa do Concello en 1951-foto Vidal Casa do Concello en 1951-Foto-Vidal A parroquia de Zas ocupa a parte centrooriental capital do actual concello do mesmo nome, (1836) resultado da fusión dos tres orixinarios de 1820 (Allo, Muíño e Zas). Participa na súa parte oriental das estribacións da Serra de Santiago, e da chanceira do val de Soneira no centro e occidente. Está atravesada polo río de Zas e o seu pequeño afluente o rego e Follente. Cunha poboación de 451 hab. (2016) é unha das do concello que perde menos habitantes nos últimos anos (un 9% desde o 2001). De sempre se viña considerando que o nome de Zas aportaba un significado de “sala, pazo, residencia principal”. Sen embargo están a aparecer outras hipótesis que nos estarían a falar de que o seu étimo podería ter a súa orixe na palabra latina “SALICE” co significado de salgueiro. Mesmo se ten atopado un documento de 1745 que a mencionan como “Sn Andres de Sauces”. Sexa cal sexa a súa orixe o certo e que ó longo da historia tense escrito de diversas formas: Saz, Sas, Ssas, Saas e o xa citado de Sn Andres de Sauces. O paso de Saz a Zas puido deberse a un fenómeno de metátese ou de ultracorrección do seseo. A igrexa, construída en 1540, foi patrocinada polo señor da casa de Lamas Álvaro Núñez de Lamas. Entre 1618 e 1620 parece ser que se ergueu de nova planta a capela maior. Sábese que en 1741 tiña a cuberta de madeira; que en 1799 se arranxaría o lenzo de parede do lado sur; que se realizaron importantes reformas entre 1815 e 1817; que en 1838 se edificou a sancristía; en 1848 retocouse a parede sur. No 1798 abrirase no muro N a capela do Carme. Entre 1890 e 1893 edificouse a actual torre-campanario. Entre 1984 e 1987 noutra reforma tirouse o púlpito de pedra e fíxoselle un engadido de cemento no teito da capela maior que rompe coa unidade arquitectónica anterior. Entre 1984 e 1987 destruiuse na igrexa de Zas o pulpito de pedra de 1798-foto XM Lema Entre 1984 e 1987 destruiuse na igrexa de Zas o pulpito de pedra de 1798-foto XM Lema O retablo maior de 1842, obra de Cipriano Guriezo, foi pintado por José A. del Anillo, é de estilo neoclásico e nel destacan as figuras de santo André, santa Bárbra e san Brais. No lateral N esta o retablo pétreo da virxe do Carme obra de Francisco Castro Agudín (1798), de estilo neoclásico pero que aínda conserva reminiscencias barrocas. Nesta parroquia tivo moitas importancia a familia fidalga dos Lamas, orixinarios desa parroquia que mandaran construír a igrexa e fundaron os morgados de Sas e Brandomil. O seu escudo de armas é a base do actual escudo do concello: unha torre con dous cans. A destacar os sepulcros de Álvaro Núñez de Lamas (1543, no interior do muro S) e da súa nai Constanza López de Lamas (1504, no exterior do muro N). O fermoso cruceiro do Carme –entre o presbiterio e os panteóns- imitación moi tardía do barroco, foi esculpido por Francisco Rodeiro en 1856. No traballo tamén se inclúe o proceso de construción da casa consistorial da que xa se comezara a falar en 1852 pero que se rematou en 1951 sendo inaugurada o 11 de outubro dese ano despois de ter pasado por diversos locais e localidades –mesmo ten estado en Baio-. As obras foron dirixidas polo mestre canteiro Severino Abelenda Graíño. Sufriu importantes obras de reforma interiores en 1984. Igualmente se fai constancia das dúas feiras que ten habido na parroquia: a trasladada da Santa (de Muíño), que desapareceu en 1907; e a Feira Nova, trasladada desde Gontalde en 1904 que durou bastante máis tempo. Citase, tamén, a Manuel María Pose, (1846-1904) natural de Vilar do Mato que fixo unha considerable fortuna na Arxentina e deixou parte unha parte considerable dela para obras benéficas. Igualmente se fai referencia á historia do Sporting Zas desde a súa fundación en 1975 ata a actualidade. Estes dous apartados son obra do noso colaborador Xosé Mª Rei Lema. Por último, inclúese un estudo da festa da Carballeira, da que se celebrou este ano a 34 edición, e das outras festas populares da parroquia.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios