Consternación en Zas polo pasamento de Mabel Montes
Aínda foi a madriña dos Premios Fouciño a finais de 2024, festival do que foi partícipe dende os seus comezos. De feito, esta pasada edición recibía o Fouciño de Honra co resto membros fundadores. Pero o cancro non entende de tempos, e en apenas un ano, levouna por diante.
Falamos de Mabel Montes Rama, a xornalista da TVG e da Radio Galega dende 1997, que falecía este martes aos 50 anos de idade. A que foi a cara do Tempo durante anos, deixou unha fonda pegada en milleiros de casas galegas, como recoñece a TVG nun comunicado, pero sobre todo na casa.
Así se despiden dela dende os seus Premios Fouciño: "Para nós foi un exemplo a seguir, como fundadora e ideóloga do espírito do festival. E desde que asumimos a organización foi un apoio total e unha persoa coa que sabiamos que podiamos contar para todo. Así que o sentimos como unha gran perda, estamos moi tristes e mandamos unha aperta grande a toda a familia".
"Para min Mabel foi unha loitadora, unha persoa que tivo que facerlle fronte á vida desde moi nova, que era moi profesional en todo o que facía. Pero sempre destacarei o seu bo humor, nos bos e nos malos momentos, porque era alguén que irradiaba optimismo ao seu redor". Así a define o seu amigo e compañeiro Chema Rey, que foi compartiu amadrinazgo con ela dos Fouciño.

