Luns. 07.10.2024
El tiempo

O IES de Baio tece pontes sobre o Atlántico con Bos Aires a través da literatura

Carlos Brandeiro e Lola Rontano
Carlos Brandeiro e Lola Rontano tecen pontes sobre o Atlántico
O IES de Baio tece pontes sobre o Atlántico con Bos Aires a través da literatura

Fermosa historia a que nos chega dende o activo IES Maximino Romero de Lema de Baio, da man da nosa Lola Rontano. A mestra está a crear unha iniciativa para construir novas pontes entre a mocidade de Galicia e a diáspora do hemisferio sur, concretamente entre o colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires e o centro baiés, mediante a posta en contacto do alumnado de ambos centros.

O alumnado arxentino, a maioría (non todos) de orixe galega, adoitaban facer unha viaxe de fin de curso en setembro a Galicia. A pandemia imposibilitouna o ano pasado e tamén neste. E “para compensar esta perda de mobilidade e o illamento que provoca, queremos promover un intercambio epistolar transoceánico coa idea de que cando poidan volver os arxentinos, fagamos actividades conxuntamente, como por exemplo, darlles a coñecer esta fermosa contorna da que gozamos na Costa da Morte”, explica Lola.

Con este proxecto na cabeza, e grazas a boa vontade e disposición de Carlos Brandeiro , o pasado 11 de marzo de 2020, enviaron dende Baio 13 cartas escritas polo alumnado de Literatura Universal (este ano xa están en 2º de Bacharelato). Nesas misivas presentábanse e falaban da súa contorna, dos lugares preferidos de cadaquén: Soesto, o Anllóns, Pedra Vixía e a praia fluvial do Prado Vello, en Carreira, eran algúns deles. Acompañaban as cartas con fotografías dos lugares.

Por desgraza, o COVID 19 frustrou a entrega do paquete. Esas cartas chegaron a destino cando o confinamento (lembramos que en Arxentina se prolongou desde o 20 de marzo ata o 9 de novembro) e daquela foron devoltas.

Pero a cousa non queda aí. Gracias ao proceso de dixitalización do profesorado baiés (conseguiron manter absolutamente todas as aulas virtualmente durante o confinamento) e bonaerense, tras recuperar as cartas, intentaron retomar o proxecto en marzo, cando comeza o novo curso en Sudamérica.

A boa nova é que por fin, nesta semana, tras escanear todas esas cartas, o alumnado baiés enviounas de novo vía correo electrónico, para asegurar que desta non se vai frustrar a iniciativa.

Pero non todo son boas novas, xa que a partir do vindeiro luns suspéndese o ensino presencial na Arxentina, de novo polo auxe da pandemia.

Sen parada

”Este sería un primeiro paso pequeno pero se cadra maiúsculo, porque pasamos o mar. E agardamos que sexa o inicio dun interesante intercambio, se cadra, pioneiro na Costa da Morte, que nos fai moitísima ilusión emprender”, sinala Lola.

Dende Baio queren “destacar o inmenso labor” de Carlos Brandeiro, galego de Cedeira emigrado á capital arxentina para dar clases de galego, director desta institución desde 2013 aínda que estaba ligado a ela desde 2005 e “last but not least”, académico da Real Academia Galega. “En definitiva, un gran profesional e unha persoa entrañable a quen puiden coñecer no propio colexio S. A., grazas á mediación do historiador galego-arxentino Ruy Farías, durante a miña última estadía en Bos Aires, en xaneiro de 2020”, explica.

”Ás veces, penso que non se fala dabondo da importancia destes centros galegos no estranxeiro nin do traballo excelente e inestimable que desenvolven persoas como Brandeiro, tan lonxe e á vez tan preto da súa Galicia natal, máxime nestes tempos de pandemia”, valora Rontano, que conclúe así o relato do comezo desta fermosa historia: “Quixemos empezar de modo romántico, con cartas de papel. Seguiremos en formatos máis contemporáneos, agora que a botella xa está novamente lanzada ao mar. Agardamos que as novas tecnoloxías como as videoconferencias e plataformas semellantes, axuden a romper as fronteiras e restricións impostas pola pandemia e acheguen a mocidade galega e neofalante destas dúas beiras do océano”.

 

Artigos de Lola Rontano en QPC

Novas relacionadas

Comentarios