A inspección educativa francesa toma nota no IES de Baio
Esta pasada semana, o IES Maximino Romero de Lema recibiu a visita dun grupo de Inspectores e profesores de Matemáticas procedentes da Bretaña francesa, nunha xornada de intercambio e colaboración educativa. No encontro participaron tamén o inspector do centro baiés, Juan Antonio Granados Loureda, a Xefa de departamento de Matemáticas Luchy Mouzo e a asesora de Idiomas da Consellería de Educación Berta Gómez López.
Esta visita realizouse con motivo dos bos resultados acadados polo alumnado nas probas de avaliación de diagnóstico, que sitúan o centro como un referente en boas prácticas educativas.
A xornada comezou cunha presentación institucional a cargo da directora, Ana Facal, quen deu a coñecer as principais liñas de actuación, os proxectos educativos e as señas de identidade do noso instituto.
Posteriormente, a profesora de Matemáticas Raquel Bouza e a profesora de Pedagoxía Terapéutica Marta Nantón, explicaron o funcionamento da aula de Matemáticas en 2º da ESO, detallando a organización do grupo, a metodoloxía empregada e as medidas de atención á diversidade que se desenvolven para garantir un ensino inclusivo e de calidade.
A visita constituíu unha excelente oportunidade para compartir experiencias e fortalecer a cooperación internacional; e deste xeito, confírmase a calidade educativa do noso instituto e o compromiso de toda a comunidade escolar cun ensino rigoroso, inclusivo e orientado á mellora continua.




