Martes. 08.10.2024
El tiempo

“Lar”, a peza documental que une xeracións dende Zas

Hadri e Ovidio protagonistas documental Lar
Hadrián e Ovidio durante a rodaxe en Zas
“Lar”, a peza documental que une xeracións dende Zas

Este sábado 21, ás 20:00h, a veciñanza de Baio e de Zas ten unha cita importante no Auditorio zasense. A ONG Agareso estrea o documental “Lar”, unha peza audiovisual de 35 minutos que une net@s e av@s para resaltar a importancia das relacións interxeracionais no eido rural.

Dúas das tres parellas de net@s-av@s protagonistas son do Concello. Falamos de Hadrián Otero e Ovidio Otero (de Zas), e de Claudia Lema e Balbina Rial (de Baio). Os 4 protagonistas non faltarán á estrea, que será presentada pola xornalista bergantiñá, resposanble do proxecto e ademais de guionista e produtora, Verónica Couto, que irá dando paso para que os Otero e as Lema-Rial conten as súas impresións como actrices.

Balbina e Claudia protagonistas do documental Lar
Balbina e Claudia 

Hadrián ten 17 anos e estuda 2º de Bacharelato no IES Maximino Romero de Lema, e o seu avó Ovidio ten 83 e pasa o tempo con labores do campo. Ambos viviron sempre xuntos, na mesma casa de Zas. Comparten moitas cousas, entre elas, o gusto por conservar fotografías e historias antigas.

Pola súa banda, Claudia ten 16 anos e actualmente cursa 1º de bacharelato no IES Maximino Romero de Lema, en Baio. A súa avoa Balbina ten 67 e vai a multitude de actividades durante todo o día. Ambas comparten o gusto polas redes sociais e a praia.

O documental, con sinxelas pero trascendentais conversas sobre a vida entre cada parella de familiares, pon de manifesto a importancia das relacións entre dúas das xeracións máis separadas da historia polo cambio radical dos tipos de vida. Con honestidade e agarimo, fai reflexionar sobre o amor real que os net@s senten polos seus av@s, algo do que moitas veces a mocidade se decata demasiado tarde.

Rodaxe de Lar na Casa de Balbina
Rodaxe de Lar na Casa de Balbina

Dirixido á mocidade

Despois das estreas oficiais (tamén está hoxe venres na Casa da Cultura de Becerreá, xa que a outra parella protagonista, Laura Núñez e José Núñez, son Torés, As Nogais), “Lar percorrerá os institutos dos Concellos onde se gravou, para así chegar a máis público mozo. “O obxectivo deste documental é previr a discriminación por motivos de idade, facendo ver que os vínculos entre avós e avoas con netos e netas, pese as diferencias de idade, poden ser moi satisfactorios”, explica Couto. “Ademais, é unha maneira de reflexionar sobre como cambiou a vida só con dúas xeracións de diferencia, e tamén de evidenciar o xa sabido por todos, que o rural está quedando cada vez máis baleiro”. “Esta é tamén unha homenaxe a todos os avós e avoas, aos que seguen estando e aos que xa non están pero recordamos día si e día tamén”.

Esta peza audiovisual está financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, dentro da convocatoria de axudas destinadas a realizar programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do IRPF.

Novas relacionadas

Comentarios