Un novo vídeo con IA do IES de Baio leva un premio do Certame de Curtas da ADOS

Segue arrasando de concurso en concurso o IES Maximino Romero de Lema. A semana pasada aínda recollían un premio en Nigrán, e onte tiveron que acodir a Santiago para recoller o 2º premio no “XI Certame de curtas da Axencia Galega de doazón de órganos e transplantes (ADOS)”.
O IES acada este galardón coa curta "A melodIA da vida na doazón de órganos e tecidos" elaborada polo alumnado de 4º da ESO Alicia Martínez Vidal, Izan Blanco Tajes, Pablo Lerma Carril e Héctor García Senande, coordinados polos profesores Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo coa colaboración de Alberto Coya Otero.
O traballo volve incorporar xeración de cancións con ferramentas IA e con mensaxes claras que animan á poboación xove a doar. O traballo premiado "A melodIA da vida na doazón de órganos e tecidos" volta amosar que a Intelixencia artificial, utilizada de forma correcta pode ter un impacto positivo na transmisión de valores, neste caso o da solidariedade.