Luns. 09.09.2024
El tiempo

Os concellos do BNG ofrecense para acoller aos refuxiados do "Aquarius"

Os concellos do BNG ofrecense para acoller aos refuxiados do "Aquarius"
aquarius-concellos-bng- Italia e Malta denegaron o acceso ao buque "Aquarius" con 629 persoas a bordo Horas despois de coñecerse a dramática situación das 649 persoas ao bordo do buque "Aquarius", os concellos gobernados polo BNG veñen de poñerse a disposición da Xunta de Galicia para acoller aos refuxiados. Así o trasladou o portavoz do Bloque na FEGAMP, o alcalde de Carballo - Evencio Ferrero - asegurando que os concellos nacionalistas teñen as súas portas abertas ante este “drama humano” porque “nin queremos nin podemos mirar para outro lado”. "Aproveitamos esta comparecencia para transmitir ao Goberno da Xunta a total disposición dos concellos gobernados polo BNG para recibir,  axudar e amparar a estas persoas, temos as portas abertas para darlles acollida e poñer o noso modesto grao de area”, explicou o rexedor carballés, “queremos que os nosos concellos e este país sexan un reflexo da súa veciñanza, que sabe moi ben o que é saír fora para buscarse o pan e o sustento fora dos seus fogares, que sabe moi ben o que é saír das súas casas para buscar unha vida mellor”, explicou o rexedor carballés. Esta total disposición dos concellos do Bloque a colaborar co goberno galego tamén foi expresada pola viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, tras a Xunta de Portavoces. Rodil lembrou o plan presentado polo Executivo de Feixóo en 2015 no que cifraba en 300 persoas a capacidade de acollida, “pero nunca máis se soubo”. “É unha cuestión de pura humanidade e esas persoas deben recibir axuda, desde logo contan cos concellos nacionalistas e Xunta debe colaborar de inmediato co Estado español”. Competencias municipais fegamp-bng Representantes do BNG na comisión executiva da FEGAMP Por outra banda, os alcaldes do BNG tamén veñen de denunciar o "acoso da Xunta aos concellos impoñéndolle funcións que son do goberno galego". "O goberno de Feixóo fai unha deixación continuada das súas funcións para descargalas sobre os municipios, que nin teñen esas competencias, nin contan con medios económicos e materiais", sinalan dede o BNG. "Colaboración si, subliñan os e as alcaldesas nacionalistas, pero cada administración ten que asumir a responsabilidade que lle toca". Asi o denunciou, por exemplo, en varias ocasións o alcalde de Zas - Manuel Muíño - en temas como a sanidade, a vespa velutina ou a praga da pataca. "Os municipios gobernados polo BNG non imos asumir a omisión de funcións do Goberno da Xunta”, recalcou a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, quen xunto co rexedor de Carballo, Evencio Ferrero, representan ao Bloque na comisión executiva da FEGAMP. “Estamos sufrindo un acoso constante cargando en nós responsabilidades e servizos que non nos corresponden, para tapar a súa incapacidade de desenvolver políticas que resolvan os problemas”, recalcou Santos. A modo de exemplo, citan as franxas de protección contra o lume, servizos sociais, a loita contra a velutina ou a seguridade animal. “A Xunta descarga nos concellos estas competencias por riba nun contexto e que a mal chamada Lei de racionalización de Montoro impide contratar persoal ou adicar recursos a competencias impropias”, argumenta a rexedora de Moaña.

Novas relacionadas

Fonte

   

Comentarios