martes. 27.01.2026
El tiempo

A RAG e o Concello presentan a nova obra "Toponimia de Zas" de Xosé María Lema Suárez

CARTEL 2 ZAS - A Real Academia Galega e o Concello de Zas presentan o libro Toponimia de Zas
A RAG e o Concello presentan a nova obra "Toponimia de Zas" de Xosé María Lema Suárez

A Real Academia Galega e o Concello de Zas presentarán o vindeiro venres, 6 de febreiro, ás 20:00 horas, a obra ‘Toponimia de Zas’, da autoría de Xosé María Lema Suárez. O acto terá lugar no Auditorio de Baio, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. 

O autor de Bamiro (xa saben, esa vila medio vimiancesa medio baiesa) é coautor do libro ‘Zas polo Miúdo, xunto con Evaristo Domínguez, coautor do libro ‘Zas polo Miúdo’. Ambos os dous son colaboradores do Concello de Zas participando en distintos proxectos culturais e editoriais ligados á posta en valor da historia, da lingua e do patrimonio local. 

Esta nova publicación convértese no sexto libro impulsado co apoio do Concello de Zas, sumando tanto as edicións propias como as colaboracións municipais en proxectos editoriais, unha liña de traballo que reflicte o compromiso coa promoción da cultura e da lingua galega. 

No acto intervirán, ademais do autor, presentado por Evaristo Domínguez, o alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín; Antón Santamarina, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega; e Ana Boullón, da Asociación Galega de Onomástica. 

‘Toponimia de Zas’ forma parte da colección Terra Nomeada da Asociación Galega de Onomástica da Real Academia Galega e afonda nas orixes etimolóxicas de 117 lugares e máis de 20 espazos xeográficos da comarca da Terra de Soneira, contribuíndo á preservación e difusión do patrimonio inmaterial do territorio. 

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou que “accións coma esta amosan o compromiso do Concello por promover a cultura galega e a posta en valor da nosa lingua”, animando á veciñanza a participar neste acto e a coñecer máis a fondo a historia e o significado dos nomes da súa terra.

Máis novas

Outros artigos de Xosé María Lema Suárez en QPC

Comentarios