luns. 09.03.2026
El tiempo

Renovado o Concello para a xestión das Torres do Allo entre Concello de Zas e Deputación

Imax do Mercado de San Ramon de 2025 nas Torres do Allo
Imax do Mercado de San Ramón de 2025 nas Torres do Allo
Renovado o Concello para a xestión das Torres do Allo entre Concello de Zas e Deputación

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Zas, Manuel Muiño, asinaron hoxe na sede da institución provincial a prórroga do convenio de colaboración para a xestión integral do servizo de atención a visitantes e a programación de actividades nas Torres do Allo durante o ano 2026, un dos conxuntos arquitectónicos máis emblemáticos da Costa da Morte e propiedade da Deputación.

A través deste acordo, a Deputación financiará ata un máximo de 50.000 euros para sufragar parte dos gastos de funcionamento e das actividades que se desenvolverán neste espazo patrimonial ao longo do ano, mentres que o Concello de Zas asumirá a organización do servizo de atención ao público, as visitas guiadas e a programación cultural e didáctica vinculada ao pazo.

O alcalde de Zas, Manuel Muiño, agradeceu o apoio da Deputación e destacou que este acordo permitirá consolidar as Torres do Allo como un dos principais recursos culturais e turísticos do municipio.

Programa completo

O programa de actividades para 2026 inclúe a atención aos visitantes, a organización de visitas guiadas e o desenvolvemento de numerosas iniciativas culturais e didácticas dirixidas a públicos diversos, con especial atención á comunidade escolar e ás familias.

Entre as propostas previstas figuran obradoiros educativos, exposicións temporais, visitas teatralizadas, concertos dentro do ciclo “Música nas Torres” ou actividades participativas vinculadas ao calendario festivo galego. Tamén se desenvolverán iniciativas xa consolidadas como o “Escape room do Allo” ou o mercado artesanal de San Ramón, ademais de diferentes eventos culturais e actividades de animación que buscan achegar o patrimonio á cidadanía.

As Torres do Allo permanecerán abertas ao público durante boa parte do ano, con horarios adaptados ás diferentes tempadas e cunha programación reforzada durante a Semana Santa e os meses de verán, coincidindo co incremento da afluencia de visitantes á Costa da Morte.

Comentarios