Martes. 19.03.2024
El tiempo

O "contedor cultural" de Baio celebrou a súa Semana Cultural nos #DirectosQPC

O "contedor cultural" de Baio celebrou a súa Semana Cultural nos #DirectosQPC

Volvimos por Baio este mércores 20 de maio para continuar, nos #DirectosQPC, participando como marco no “Proxecto Educativo en tempos de crise” do IES Maximino Romero de Lema. Xa celebramos a Festa dos 100 anos nos Faladoiros de QPC, e tamén fixemos un faladoiro sobre orientación universitaria con exalumn@s. E hoxe, co gallo desta Semana Cultural do 25 aniversario que non se puido celebrar, acollimos este singular faladoiro.

Un encontro moderado polas verdadeiras protagonistas de todo isto, e que simbolizan o mellor exemplo do emponderamento do alumnado que tanto potencia Maseda: as alumnas Xestión Cultural do centro, que despois de facer proxectos tan fermosos como “Ao son do Rural” ou “Ao Son Delas”, estes días tamén andan armando o “Ao son da Xente”, tiñan preparada unha Semana Cultural espectacular, Ángela Pardiñas Ferreiro, Noa Romero Rama, Isabel Santos Facal e Teresa Cousillas Lema, fixeron de xornalistas facendo preguntas ás invitad@s, e tamén falando do seu director, un Manolo Maseda que non podía faltar a esta cita.

Porque hoxe tiñamos invitad@s de excepción. Faltounos Xurxo Souto, que por problemas técnicos estivo escoitando un anaco pero non deu conectado a cámara e o micro do seu “aparello do demo”. Pero si tivemos a Fernando de Jinetes del Trópico, banda que chega dende Vigo cargada de festa; a artista poeta carballesa Rosalía Fernández Rial; e a Joseba Muruzábal, pintor e muralista de Cambre, coñecido como Yoseba MP, creador do Fenómeno do Rural coñecido polas “Superavoas” que ten deixado un tesouro feito mural nunha das paredes do centro.

De feito, cazamos a Yoseba en plena faena, pois estaba rematando o novo mural do centro baiés: Os “Power Letters”, completando a súa trioloxía baiesa, despois de facer a “superavoa” no IES e unha escea da festa da Carballeira no centro da vila. O muralista, antes de quedar sen batería, contounos como pasou do lenzo ao ladrillo e nos contou de onde viu a inspiración das “superavoas”.

Rosalía Fernández Rial, ademais de darnos un peche marabilloso a ritmo de acordeón, explicounos como é crear en tempos de corentena, repasou as súas fontes de inspiración (quedámonos con “Rosalía de Castro é puro jazz”) e recoñeceu o potencial do centro baiés, onde rematarán boa parte do seu alumnado da ESO do CEIP de Cabana.

Fernando, que bota de menos o cheiro do suor dos directos, falou dos momentos inspiradores da banda, así como os seus proxectos máis ilusionantes. Ademais, o remate do faladoiro non puido ser se non coa tema “Namorei dunha pulpeira”, temazo de Los Jinetes del Trópico que soaba, ata o estado de alarma, cada hora no canto da sirena de turno. O coro das alumnas baiesas non tivo prezo, e aí queda como posibilidade para a festa do curso que vén.

Un fermoso peche para esta serie de iniciativas arredor deste “contedor cultural” que é o IES de Baio.

Directos en Baio

Outros DirectosQPC

Comentarios