Domingo. 05.05.2024
El tiempo

As Torres do Allo rematan agosto coa mellor marca de visitantes

Mercado San Ramon Torres do Allo-Comida Campestre
Comida Campestre polo San Ramón
As Torres do Allo rematan agosto coa mellor marca de visitantes

A tradicional romaría de San Ramón do Allo puxo onte, 31 de agosto, o broche de ouro á tempada de verán nas Torres do Allo. A xornada festiva estivo cargada de
actividades comezando polo mercado de artesanía tradicional, que este ano ampliou a súa oferta con 23 postos chegados de diferentes lugares de Galicia e con artes tan variadas como o coiro, o encaixe, o liño, instrumentos musicais, cestería, xoiería, xoguetes ou xabóns. Despois da misa dedicada ao patrón da festa, o San Ramón, chegou o momento cumio do día coa actuación do grupo Ailá, na sesión vermú, e o su novo disco Sansolimón.

Mercado San Ramon Torres do Allo-Procesión San Ramón
A Procesión de San Ramón

Logo da música e os bailes houbo unha parada para repoñer forzas e os prados das Torres enchéronse de comensais que un ano máis fixeron o xantar campestre
gozando das vistas do pazo e do antigo couto do Allo.

Mercado San Ramon Torres do Allo-Paco Nogueiras
Paco Nogueiras en concerto infantil
Mercado San Ramon Torres do Allo-Ailá Actuación
Actuación de Ailá

Este ano o San Ramón contou tamén cun importante incremento de visitantes, superando as 300 persoas ao longo de toda a xornada en consonancia cos datos nos meses de xullo e agosto que supuxeron o récord na serie histórica de Torres do Allo cun total de 4.737 persoas.

A este éxito contribuíu a completa axenda de actividades culturais desenvolvidas polo concello de Zas e a Deputación da Coruña entre as que houbo música, contacontos, obradoiros, regueifas, monicreques, visitas teatralizadas, escape room, xogo de pistas e un campamento infantil.

A procedencia do público no verán estivo repartida entre as persoas que se achegaron do propio concello de Zas co 28,34%, que participaron de maneira moi
activa nas diferentes actividades ofertadas. A pouca distancia o seguinte grupo que máis se achegou ao pazo foi o das persoas procedentes do resto do estado español co 26,48%, seguido das chegadas do resto de Galicia co 17,01%, ambos cun forte compoñente vacacional e turístico.

Sobre a tipoloxía dos visitantes o pazo confírmase como un destino familiar ao supoñer este tipo de público o 42,86% do total, seguido das parellas co 34,01%. Por
último tamén tiveron relevancia os grupos organizados que supuxeron un 16,10%.

Mercado San Ramon Torres do Allo-Artesanías (16)
Artesanías no mercado

Máis actividades ata o 15 de setembro

Remata agosto, pero as Torres continúan co horario de verán abrindo de maneira continuada de luns a domingo ata o 15 de setembro e cunha abundante oferta de actividades coma o Escape room, denominado a Matanza do Allo, que se prolongará ata o día 15 e para o que quedan aínda prazas libres; as visitas teatralizadas da man dos Quinquilláns, que se celebrarán os próximos domingos 3 e 10 de setembro ás 19:30 da tarde; o xogo de pistas, o Tesouro do Allo e continuará ata final de ano a exposición temporal “Terra de Pazos”.

Comentarios